Unanimidade do Parlamento galego para que se "conxelen" as peaxes da AP-9

O pleno critica a suba das portaxes na AP-53.
A autoestrada, no tramo da ponte de Rande, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa).
photo_camera A autoestrada, no tramo da ponte de Rande, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa).

O Parlamento galego manifestou onte o seu rexeitamento unánime á suba das peaxes previstas para o inicio de 2023 nas autoestradas AP-9 e AP-53, que os grupos con representación na Cámara (PP, BNG e PSdeG) consideran "moi negativa" tanto para as familias como para o tecido económico galego ao producirse ademais "nun contexto de suba desmesurada dos prezos".

A iniciativa, proposta polo BNG, saíu adiante co voto a favor de todo o Hemiciclo despois da inclusión dunha emenda do PSdeG para reclamar ao Goberno estatal que leve a cabo unha análise legal sobre a viabilidade de anular as ampliacións da Autoestrada do Atlántico que foron declaradas como ilegais por parte da Comisión Europea.

A proposición non de lei, debatida onte no marco do pleno ordinario do Parlamento, foi defendida polo deputado nacionalista Luís Bará, que cualificou de "atraco" a suba das peaxes que, ademais, chega "no peor momento" polas dificultades económicas asociadas á inflación.

En concreto, o texto que foi asumido polo Lexislativo galego insta a Xunta da Galiza a defender ante o Goberno español que se impida o incremento das tarifas nestas dúas autoestradas, á vez que reclama a revisión dos convenios asinados coa concesionaria Audasa en 2011 e 2013, sinalados polo Consello Consultivo.

"Galega e sen peaxes"

Aliás, a iniciativa nacionalista demandaba que se desen pasos para unha AP-9 "galega e libre de peaxes" e que se anulasen as ampliacións da concesión que tamén foron postas en cuestión pola Comisión Europea. 

Neste sentido, o BNG rexeitou unha emenda 'in voce' presentada durante o debate polo deputado do PP José Luis Balseiro ao entender que pretendía "defender" a prórroga outorgada en 2000 a Audasa polo Goberno español, entón presidido por José María Aznar.

Audasa barallaba unha suba a partir de 1 de xaneiro para a principal vía de pago da Galiza, a AP-9, de 9%, a mesma porcentaxe en que o faría a AP-53.

Comentarios