Un terzo dos tramos da AP-9 sobe máis do 4% fixado polo Ministerio: así aumentan as peaxes en 2023

No caso da AP-53 superan o tope 9 de 14 tramos.
Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

O Goberno estatal aprobou no Consello de Ministros que as portaxes das autoestradas non subirían para as persoas usuarias de vehículos lixeiros este ano máis do 4%. Porén, as novas tarifas rexistran encarecementos que exceden o 5% no caso de varios tramos das autoestradas AP-9 e AP-53.

Algo que foi posíbel despois de que se lles permitise ás concesionarias, Audasa no caso da AP-9, e Acega no da AP-53, redondear os prezos en múltiplos de cinco para "facilitar" o pagamento no caso de quen opta por facelo en metálico.

Un total de 15 de 48 tramos da AP-9, a autoestrada que une Ferrol con Tui, encarecen máis do 4%. O que máis sobe de todo este viario é o que conecta Compostela con Sigüeiro (Oroso), cuxa portaxe se ve incrementada en 5,41%, ao pasar de 1,85 euros a 1,95 euros. Tamén aumenta en cinco puntos o prezo dos tramos A CoruñaMacenda (Abegondo); Guísamo (Bergondo)-Macenda e Rande (Redondela)-Vigo.

Ordes-Sigüeiro subiu un 5,3% e Padrón-Caldas un 5,26%, mentres que Pontevedra-O Morrazo sobe 5,08 puntos e Fene-Cabanas un 5%. Por riba do 4% sitúanse Macenda-Ordes (4,6); Fene-Guísamo (4,48); Guísamo-Sigüeiro (4,39); Caldas-Pontevedra (4,26); Macenda-Sigüeiro (4,2); e Santiago-Pontevedra (4,07).

Na AP-53, o prezo de 9 de 14 tramos supera, para vehículos lixeiros, o 4% comprometido polo Executivo español. Os que máis o fan son os percorridos que van de Ribadulla a Lalín e de Ribadulla ao alto de Santo Domingo (Dozón), onde desde o día 1 de xaneiro se paga un 4,40% máis que en 2022. Nun 4,35% soben as peaxes dos tramos Bandeira (Silleda)-Silleda e Ribadulla (Vedra)-Bandeira.

Noutro 4,17% soben os de Bandeira-Lalín e Bandeira-Dozón, e entre un 4,07 e 4,05 Santiago-Silleda, Santiago-Lalín e Santiago-Dozón.

Comentarios