O BNG exixe ao Goberno español "frear" a nova suba das peaxes da AP-9 prevista para 2023

"É indecente que unha multinacional como Audasa pretenda subir 9% aproveitándose da crise. Un despropósito e unha indecencia", denunciou Ana Pontón.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, exixiron esta cuarta feira ao Goberno español que “free” a nova suba das peaxes da AP-9 prevista por Audasa a partir do 1 de xaneiro de 2023, que podería ir por riba de 9% do prezo actual, tendo en conta o IPC deste ano e a compensación de 1% que recibe Audasa pola ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago.

Neste sentido, os nacionalistas demandaron ao Executivo estatal que "free esta subida escandalosa" e traballe para "pór fin á concesión", unha vez que a Unión Europea declarou as súas prórrogas -que permitiron pasar de 40 a 75 anos- "ilegais". Ademais, Rego pediu que o Goberno español asuma 1% que corresponde ás obras de Rande e negocie o que corresponda á inflación.

"As prórrogas foron unha fraude e un roubo a todos os galegos para maior lucro de empresas multinacionais e unha vez que quedou claro que foron ilegais", sinalou o deputado, o que corresponde "é pór fin á concesión canto antes". "Non só non debemos continuar pagando, senón que se debería devolver todo o pagado de forma irregular desde 2013", salientou.

O BNG criticou que as "elevadas" peaxes da AP-9 "son unha carga para todos os galegos que deben utilizar esa vía de forma habitual e tamén para as empresas galegas que ven incrementados os seus custos de operación e perden competitividade".

Emenda nos orzamentos estatais

Os nacionalistas rexistraron unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 para dotar unha partida que permitise realizar un estudo de como proceder tecnicamente e pór fin á concesión que "antes ou despois virá obrigada pola resolución da Unión Europea".

"A presión social e tamén a presión política exercida polo BNG permitiu conquistar rebaixas e bonificacións importantes nas peaxes da AP-9; agora é preciso reactivar esa presión para lograr canto antes que a autoestrada do Atlántico pase a ser libre de peaxes", reivindicou Rego.

"Infelizmente, o Goberno español vai permitir que os traballadores perdan poder adquisitivo porque as subidas salariais non se van equiparar á inflación", apuntou o deputado nacionalista, para engadir que "os fondos voitre, pola contra, parece que teñen amarrada a subida, absolutamente inxusta para todos os galegos".

Facer caixa “a conta dos galegos”

"Consideramos un despropósito a subida das peaxes de unha autoestrada que xa está amortizada", sinalou a portavoz nacional do BNG desde un acto en Monforte. Así, apuntou que "non se pode usar esta crise de prezos como unha nova escusa para que Audasa siga facendo caixa a conta dos galegos".

Pontón reclamou ao ministerio de Transportes que "non acepte a subida de peaxes", porque "significa aproveitarse de novo dunhas economías familiares que xa o están pasando moi mal". "É indecente que unha multinacional como Audasa pretenda subir 9% aproveitándose da crise. Un despropósito e unha indecencia", sentenciou.

Comentarios