A Cámara porá o ramo ao ano votando os orzamentos

A emigración xuvenil centrará o último acareo do ano no Parlamento galego.
O PP pedirá o apoio de todos os grupos á Constitución española (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O PP pedirá o apoio de todos os grupos á Constitución española (Foto: Parlamento da Galiza)

A votación final dos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2022, o novo modelo de residencias de maiores, a emigración xuvenil e a saída da crise da Covid-19 serán os temas protagonistas do último pleno do ano na Cámara galega, que vivirá un novo cara a cara entre o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a líder do BNG, Ana Pontón; e mais co voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero.

A Xunta de Portavoces do Parlamento aprobou esta quinta feira, 16 de decembro, a orde do día da que será a última sesión ordinaria do pleno da Cámara. Decorrerá 21 de decembro, nunha sesión que estará precedida pola votación dos orzamentos. Coa maioría que ten o PP na Cámara, prevese que as contas saian aprobadas. 

A continuación, terá lugar a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, que informará do documento definitivo elaborado polo comité asesor sociosanitario para a reforma do modelo de residencias.

A Xunta ultima así os pasos dados para a redefinición do sistema de coidados e residencias de maiores que se comprometeu a levar a cabo nun dos ámbitos máis golpeados pola Covid-19. Porén, nos últimos debates no Parlamento, a oposición xa alertou de que o novo modelo que se prepara segue baseado na xestión privatizada, entendendo este servizo "como un negocio".

O último cara a cara do ano

Para a xornada da cuarta feira resérvase o último cara a cara  parlamentario do ano entre Ana Pontón e Gonzalo Caballero con Núñez Feixoo. A líder nacionalista denunciará a precariedade laboral "que empurra a mocidade á emigración" e instará Feixoo a explicar cales son as propostas da Xunta para conseguir que a Galiza poida "ofrecer futuro" á xuventude.

O BNG tamén interpelará a Xunta sobre o dereito da mocidade ao acceso á vivenda e instará á mobilización do parque de vivenda baleira destinado a este colectivo. A inexistencia de tren de proximidade ou o rescate para autónomos e empresas tamén estarán entre as iniciativas do Bloque.

Gonzalo Caballero interpelará Feixoo sobre cales son as  súas "políticas estratéxicas" para saír da crise e facer fronte aos desafíos de futuro, á vez que denunciará o inmobilismo da Xunta. 

Pola súa banda, o grupo popular demandará no pleno o apoio á Constitución española e rexeitar as iniciativas en favor da autodeterminación e independencia.

Comentarios