Feixoo endebedou a Galiza desde 2009 en 7.760 millóns de euros

A débeda galega chegará a 12.207 millóns en 2022

A débeda pública galega prepárase para marcar outro máximo histórico en 2022. Após fechar 2021 cun total de 11.714 millóns, o Goberno galego, no seu proxecto de orzamentos para o seguinte ano, prevé un endebedamento de 12.207 millóns para o vindeiro exercicio. As previsións para 2022 continúan a tendencia da última década.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Xunta da Galiza)

A débeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Se á volta de 2008 se situaba en 3.954 millóns, representaba 6,80% do PIB e unha carga para cada galega e galego de 1.429 euros, 12 anos máis tarde chegou a 12.207 millóns, significou 18,72% do Produto Interior Bruto (PIB) e anotou unha contía de 3.680 euros por habitante. Segundo os datos fornecidos polo Goberno galego na súa proposta de orzamentos para 2021, os Executivos de Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 7.760 millóns de euros.

O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. O Goberno bipartito de PSOE e BNG logrou reducilo nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% do PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007. Porén, a tendencia mudou nos sucesivos gobernos de Feixoo. Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo deste ano, tras certificar o maior aumento porcentual desde 2011.

Recortes sociais

O aumento da débeda e do déficit público na etapa de Feixoo non está asociado á posta en marcha de políticas económicas expansivas, destacando a este respecto os recortes nos servizos públicos, nomeadamente na esfera sanitaria. A partida destinada á Atención Primaria nas contas públicas de 2022 sitúase en 1.389 millóns de euros, unhas cifras por baixo do último orzamento do Goberno bipartito, que en 2009 destinaba para este servizo 1.436 millóns de euros, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalen a 1.619 millóns de euros de hoxe.

O do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído mediante a fórmula de colaboración público-privada, é outro dos casos que explican o aumento da débeda. En virtude da citada fórmula, o Goberno galego ten que sufragar un canon anual até 2036 de 897 millóns de euros pola obra. En 2022 a Administración galega debe afrontar por esta actuación pagos de máis de 65 millóns de euros. O economista Albino Prada ten advertido de que o custo da posta en servizo do hospital público, dentro dun edificio privado polo que se paga cada mes un alugueiro multimillonario, duplica o prezo de pagalo con débeda pública.

A maiores dos 11.714 millóns de euros recoñecidos como débeda, a Xunta da Galiza ten compromisos de pago até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada, por unha contía total de 2.050 millóns de euros. Así, mediante esta fórmula, financiouse a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa ou as vías rápidas do Salnés e o Barbanza. Sumada a débeda pública e as obrigas procedentes da colaboración público-privada o Goberno galego está obrigado a facer fronte a pagos por un monto total de 13.764 millóns de euros.

A débeda no límite do máximo legal

A débeda galega atópase no límite do máximo legal permitido. O Informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2022 da Xunta da Galiza refírese ao “límite de débeda congruente coa anterior taxa, que é o importe máximo de endebedamento que pode acadar a comunidade autónoma para 2022”. Na mesma dirección, apunta a un importante incremento da débeda para 2022, sinalando que “as previsións máximas de endebedamento neto dos orzamentos consolidados acadan os 492,6 millóns de euros, esgotando case na súa totalidade o límite máximo autorizado”.

O Informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2022 advertía dunha evolución negativa entre ingresos e débeda así como dun aumento da carga financeira para o Goberno galego. Nesta liña, o documento recolle que “a relación entre a débeda e os ingresos correntes no ano 2021” será de “123% como consecuencia do aumento do stock de débeda previsto” aumentando no “vindeiro exercicio 2022 a 124%”. Por outra banda, adianta unha suba nos intereses de débeda de cinco décimas para 2022, malia o contexto de tipos baixos que non grava a elevada carga financeira.

A débeda pública galega non se pode disociar do actual sistema de financiamento. Se a posición de Núñez Feixoo negándose a acudir nun primeiro momento ao fondo de liquidez autonómico ou as dificultades xeradas pola situación derivada da gran recesión agudizaron o problema, as razóns últimas da alza da débeda pública están ligadas a un modelo de financiamento que se ten demostrado insuficiente para asumir os custos dos servizos públicos esenciais na Galiza.

As palabras e os feitos

O combate á débeda fai parte do relato da axenda neoliberal. Un discurso moi querido polos responsábeis da Xunta e polo propio Alberto Núñez Feixoo. Porén as palabras e os feitos camiñan neste caso por vieiros diferentes. A carga financeira do Goberno galego é un bo exemplo disto.

Comentarios