Ana Pontón: "O Partido Popular está nervioso, preocúpalle ter en fronte un BNG ambicioso"

A voceira nacional do BNG diríxese á militancia nunha carta na que pide traballar para "convencer".
A líder do BNG, Ana Pontón, afirma que no BNG as portas están abertas a quen ten a Galiza na cabeza e no corazón (Foto: Arxina)
photo_camera A líder do BNG, Ana Pontón, afirma que no BNG as portas están abertas a quen ten a Galiza na cabeza e no corazón (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, diríxise este sábado á militancia a través dunha carta na que lles pide traballar de forma "unida" e "colectiva" para impulsar o proxecto da formación nacionalista. Lanza esta mensaxe na xornada en que o Consello Nacional, máximo órgano de decisión entre asembleas, se constitúe formalmente e fecha o proceso da XVII asemblea.

Na misiva, Pontón advirte do "nerviosismo" do PP ante as "enquisas" que sitúan ao BNG como unha formación "á alza", polo que chama a traballar "convencendo" con explicacións e "seducindo" coa mensaxe para "disputar a hexemonía" ao PP nas eleccións de 2024.

Na carta, a portavoz nacional lembra que o Bloque conseguiu no período 2016-2021 "primeiro, resistir; despois, actualizar o proxecto nacionalista, e finalmente, facer avanzar o BNG e convertelo na alternativa política e de goberno" na Galiza. "Por iso nesta asemblea tocaba debater a liña de traballo nos próximos anos e preparar o BNG para conseguir o principal reto que temos por diante: liderar un cambio político transformador e presidir a Xunta da Galiza en 2024".

Na mensaxe enviada á militancia, Ana Pontón sinala que a formación "necesitará tamén ampliar o BNG, ser máis sumando na defensa dun futuro mellor para a Galiza". "E precisaremos intelixencia, responsabilidade e unidade, unha acción colectiva que se desenvolva nos marcos que reforcen socialmente as posicións do BNG", apunta.

"O PP está nervioso"

Pontón sostén na carta que o Partido Popular "está nervioso". "Preocúpanlle os datos das enquisas que, unha após outra, confirman a tendencia á alza do BNG. Tamén a nosa fortaleza na mocidade, nas cidades ou -fronte á súa debilidade- o noso moi importante avance en apoios e votos nos ámbitos urbanos".

"Pero sobre todo, preocúpalle ter enfronte un BNG ambicioso, incómodo, ao que atacan desesperadamente porque pomos en evidencia a súa constante traizón aos intereses da sociedade galega. Un BNG que, ademais, non cae na trampa de moverse nos marcos e na caricatura que a eles lles interesa", constata.

A portavoz nacional afirma que o BNG está "centrado" nos problemas dos galegos e galegas e pide un esforzo á militancia, á vez que lle traslada que a formación "quere disputarlle ao PP a hexemonía social, cultural e política".

Así, avisa de que "a política non vai unicamente de ter razón": "Vai de conseguir que a túa sociedade cha dea". Por iso, na misiva sinala que é preciso que cada integrante do BNG teña presente a tarefa de "gañar convencendo, seducir explicando, falar e trasladar as propostas sorrindo". "Convencidos de que avanzamos cando estamos centrados no noso: defender o noso país, o seu futuro e unha vida mellor para todas as persoas que vivimos nel".

Comentarios