Caballero deixa en mans da nova dirección nomear o portavoz na Cámara e seguirá como deputado

Descarta acudir á Xustiza en relación coa falta de pluralidade e a democracia interna no partido, denunciada durante o congreso do PSdG.
Gonzalo Caballero deixa de ser o portavoz socialista na Cámara (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario)

O ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero deixou en mans da nova dirección do partido nomear ao portavoz dos socialistas na Cámara galega, na que asegura que continuará como deputado.

O político pronunciouse así tras ser preguntado esta quinta feira no Pazo do Hórreo sobre o seu futuro como portavoz após o XIV Congreso Nacional do PSdeG, no que Valentín González Formoso foi ratificado como novo secretario xeral e no que se elixiu á executiva que pilotará a formación o próximos catro anos.

Responsabilidade

Na súa intervención, Gonzalo Caballero asegurou que a súa "responsabilidade" cos galegos e galegas é "ser deputado ao longo desta lexislatura" e sostivo que é "un home de partido", que "ten criterio pero tamén lealdade". "Vou traballar desde o Parlamento polos galegos e correspóndelle á dirección nova tomar as decisións que corresponden en relación á portavocía", dixo.

Neste punto, sinalou que esta sexta feira será o encargado de formular a pregunta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control, tendo en conta que "non hai outro escenario posíbel". "Mañá corresponderame facer a pregunta ao presidente porque son portavoz do Grupo Socialista e, até que a dirección do partido faga unha proposta doutro portavoz, correspóndenos a cada un saber onde temos que estar. E a min correspóndeme estar no Parlamento da Galiza neste momento sendo portavoz e facendo oposición", sinalou.

"Máis aló das distintas percepcións ou perspectivas que teñamos no seo do PSdeG, a responsabilidade dos que temos cargos institucións é cumprir coas nosas tarefas e cumprir como parlamentario en Galicia", incidiu.

Integración

Cuestionado sobre se considera que houbo integración no Congreso, limitouse a desexar "todos os éxitos" á nova dirección. "Son un militante comprometido, que sempre traballei pola esquerda e o socialismo na Galiza alí onde tiña que estar, vouno seguir facendo e desexo que a nova dirección teña todos os acertos para ter un partido socialista forte e seguir avanzando do mesmo xeito que avanzamos no últimos catro anos", apuntou.

Ademais, lamentou que se considere que traslada unha imaxe de división. "Os medios pregúntanme moitas cuestións e se logo respondo a moitas cuestións o que penso, están a dicir que teño unha formulación de non asumir os resultados ou que coa miña visión non estou a facilitar a solución para o partido", apuntou.

"É unha situación na que eu quero dar todo tipo de respostas pero se vostedes queren que diga o que penso, tamén se poden xerar escenarios nos que vostedes expoñen que traslado unha imaxe de división e, por tanto, teño que ser responsable, como o fun sempre, e correspóndelle á nova dirección acertar e ter todos os éxitos", sostivo.

Rexeita acudir á Xustiza

Despois de que durante o congreso denunciase que se impedía a pluralidade e a democracia interna no partido ao non permitir que os seus afíns presentasen listas para os órganos nacionais e federais do partido, descartou levar á vía xudicial o asunto.

"Non estou nese escenario", deixou claro ao ser preguntado sobre se os seus presentarán un recurso nos tribunais. "Sei que algúns delegados presentaron algún tipo de escritos ante a comisión electoral e, a partir de aí, terán que tomar as decisións que corresponda", sinalou.

Comentarios