O BNG impulsará un proxecto de lei no Congreso para derrogar a reforma laboral do PP

Ana Pontón mostrouse moi crítica coa reforma laboral aprobada na quinta feira, e lamentou que PSOE e UP rexeitaran a posibilidade parlamentaria de que "non haxa barra libre no despido ou que non sexa tan barato, recuperar a autorización administrativa dos EREs ou mellorar as condicións laborais a través de convenios galegos".
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, afirmou que a formación "está a falar con outras forzas políticas" con representación no Congreso co obxectivo de impulsar un proxecto de lei que permita derrogar a reforma laboral do Partido Popular (PP) en 2012.

Pontón lamentou a "oportunidade perdida" para derrogar de xeito íntegro esta reforma, aprobada durante o primeiro mandato de Mariano Raxoi. Defende que a distribución de escanos na cámara baixa permitía "presentar un proxecto de lei que permita recuperar os 45 días de indemnización por despido, os salarios de tramitación ou a autorización administrativa dos EREs e, en definitiva, cumprir co prometido poñendo fin a reforma do PP”.

Para a voceira nacional do BNG, nin o Partido Socialista (PSOE) nin Unidas Podemos (UP) quixeron derrogar o "núcleo duro" da reforma laboral do PP, "cando había unha maioría para cambialo". Tamén salientou que os apoios recibidos da proposta da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, por parte de Ciudadanos, da propia ex ministra de Traballo popular Fátima Baños ou da expresada pola gran banca a través de Ana Patricia Botín demostran que non houbo o cambio que o Goberno de coalición defendeu nas últimas semanas.

A nacionalista asegurou que este é o momento no que as forzas progresistas lle deben demostrar á cidadanía que teñen un programa "transformador" en contraposición ás políticas do PP.“A cidadanía votou a favor dun cambio e non estamos no momento de baixar o listón senón de subilo, porque hai miles de galegos e galegas en precariedade aos que hoxe é igual de barato despedir”, concluíu.

Mesma liña que no Congreso

As palabras de Ana Pontón chegan despois de que na quinta feira o Congreso sacase adiante a reforma laboral de PSOE e UP, con 175 votos a favor e 174 en contra.

Durante a sesión, o deputado do Bloque na cámara baixa, Néstor Rego, mantivo a liña exposta no día de hoxe pola voceira nacional da formación política. Na súa intervención, Rego inculpou o Goberno estatal de non cumprir cos acordos de investidura e de presentar unha reforma laboral na que “non tocan as facilidades e o abaratamento dos despedimentos, a prevalencia dos convenios estatais, a facultade das empresas para cambiar as condicións de traballo ou a distribución  irregular da xornada até o 10%”.

O deputado galego asegurou á ministra de Traballo que “terá que explicar porque tendo maioría parlamentar non quixeron recuperar a indemnización de 45 días por ano nos despedimentos improcedentes".

Rego afirmou que tanto o Partido Socialista como Unidas apoiáronse na "dereita ultra liberal", en referencia a Ciudadanos, para "seguir os ditados da Unión Europea e dos empresarios" da CEOE.

Comentarios