O secretario xeral da CIG asegura que a proposta “vai favorecer as nefastas políticas do PP”

Carril: “A reforma laboral de 2012 queda intacta”

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril sinalou esta mañá en Vigo que a modificación da lexislación laboral “vén enterrar máis dereitos laborais e significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica a reforma laboral por inxusta e centralista (Foto: Arxina).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica a reforma laboral por inxusta e centralista (Foto: Arxina).

O máximo responsábel da CIG amosouse moi duro coa proposta en materia laboral do Goberno do Estado e non dubidou en cualificala de “fraude” que non derroga a reforma de 2012 “que supuxo un auténtico golpe de Estado aos dereitos laborais e sociais da clase traballadora”.

“Despois de 10 anos de loita e de mobilizacións, despois de tres folgas xerais, a reforma de 2012 queda intacta, coa gravidade de que se actualiza á medida das duras e inxustas condicións impostas pola UE para acceder aos fondos europeos”, sinalou Carril, quen acusou a CCOO e UXT de “tontos útiles” do Executivo e de renunciar “a exercer de sindicatos de clase” e de actuar con “entreguismo aos intereses da patronal”.

O dirixente da CIG lamentou a renuncia do Goberno de PSOE e Unidas Podemos “á tan repetida promesa electoral” de derrogación da reforma laboral e adiantou que é  “un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feixoo na Galiza e constitúe a peor solución para afrontar xustamente a crise social e industrial que padece o noso país”

Carril  advertiu que as mudanza no mundo do traballo “están a ter graves consecuencias como a destrución de emprego e o aumento da precariedade” e denunciou que a proposta do Executivo estatal “dálle todo o poder para que o empresariado poida despedir fácil e barato, aplicar ERE  e impulsar modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade”.

“Gaña o capital, avanza o neoliberalismo”

“Gaña o capital, avanza o neoliberalismo e Feixoo fecha o círculo para que a clase traballadora galega e o pobo galego siga indo a pique”, aseverou Carril, quen criticou que ao Goberno “non lle abondou con utilizar o diálogo social de forma antidemocrática para chegar a este obsceno acordo de non derrogar a reforma laboral, senón que aínda por riba queren impoñelo no Congreso”.

Carril chamou a mobilizarse para paralizar a proposta do Executivo de Sánchez e , “por iso nos mobilizamos, por iso agardamos que as forzas políticas nacionalistas e de esquerdas se manteñan firmes sen dar un paso atrás para impedir que saia adiante”. A este respecto, incidiu que os próximos meses “son claves para parar a reforma e para confrontar as agresións que estamos a sufrir por causa da crise e da súa xestión polos Gobernos galego e español”

O secretario xeral da CIG ligou mellora das condicións de vida dos traballadores a “confrontación social e ideolóxica contra o poder económico e político” e criticou o modelo de relacións do Goberno por “inxusto, centralista, antidemocrático e asentado na temporalidade e na precariedade”.

Comentarios