O Goberno estatal négase a aceptar mudanzas na reforma laboral e insta as forzas nacionalistas a "convalidala"

O vindeiro domingo, 30 de xaneiro, están convocadas na Galiza senllas mobilizacións en contra do novo texto aprobado polo Executivo estatal.
A ministra portavoz, Isabel Rodríguez, foi a que aludiu ao tema esta terza feira. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra portavoz do Executivo estatal, Isabel Rodríguez, foi quen aludiu a este tema esta terza feira (Foto: J. Hellín/Europa Press).

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, lembrou esta terza feira que a reforma laboral "está vixente", debido a que xa se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) a finais de decembro de 2021, e insistiu en que o Executivo só valora o escenario da súa convalidación no Congreso.

"O Goberno defende o apoio ao acordo na súa integridade porque é un acordo importante. Estamos a falar da convalidación dunha norma que está vixente. A expectativa do Goberno non é outra que valorar un escenario de convalidación efectiva deste acordo", dixo Rodríguez, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras.

A ministra portavoz respondeu así a preguntas dos medios sobre o apoio de Ciudadanos á convalidación no Congreso, unha decisión que provocou asperezas dentro da coalición de Goberno. Unidas Podemos resístese a aceptar ese apoio e segue a procurar o visto e prace dos seus socios prioritarios, PNV, ERC, BNG e EH Bildu, a pesar das reticencias destes.

O grupo socialista, pola súa parte, non fecha a porta á formación de Inés Arrimadas, aínda que Rodríguez evitou pronunciarse de forma expresa a esta posibilidade e centrouse en subliñar que non prevé outro escenario que a convalidación do acordo "nos termos nos que se fechou en decembro entre o Goberno, os sindicatos e a patronal".

Rodríguez engadiu que é "tan importante" esta norma que se preguntou como é posíbel que algún grupo parlamentario poida dicir que non "a que algúns traballadores de subcontratas poidan percibir 12.000 euros anuais máis de salario" ou dicir que non a que "30% dos empregados con contratos temporais pasen a ter un indefinido".

O acordo cos axentes sociais alcanzouse o pasado 23 de decembro e o Consello de Ministras aprobouno o 28 dese mes. A nova norma apareceu publicada no BOE o 30 de decembro e entrou en vigor un día despois. O Goberno estatal espera agora a súa tramitación parlamentaria, á procura de apoios suficientes.

Mobilizacións contra a reforma laboral este domingo

A CIG vén de convocar concentracións en diferentes vilas e cidades do país o vindeiro domingo, 30 de xaneiro, para protestar contra unha reforma lexislativa que, asegura o sindicato maoritario na Galiza, "non recupera os dereitos perdidos pola clase traballadora coas mudanzas do Goberno estatal en 2010 e 2012".

De forma paralela está chamada a se mobilizar a cidadanía catalá e vasca, con diferentes mobilizacións convocadas tamén nestes países.

Comentarios