Alberto Casero (PP) tamén impediu cun voto erróneo que a reforma laboral se tramitase como proxecto de lei

O deputado popular trabucouse co seu voto até en tres ocasións na sesión plenaria desta quinta feira, mais os populares insisten en acusar a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, de "fraude".
Alberto Casero, deputado do PP por Cáceres, no Congreso (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Casero, deputado do PP por Cáceres, no Congreso (Foto: Europa Press).

O relato da "fraude" que o Partido Popular insiste en difundir a respecto da aprobación da reforma laboral semella ser cada vez máis insostíbel. Esta mesma sexta feira fontes oficiais do Congreso negaron que se puidese producir un erro técnico como o descrito polo deputado Alberto Casero, xa que existe un sistema de dobre verificación dos votos telemáticos. Aliás, os servizos xurídicos do Congreso salientaron que, unha vez emitido o voto telemático, este non se pode suspender para votar presencialmente nin é posíbel mudalo.

Segundo as actas da sesión plenaria desta quinta feira, consultadas por Nós Diario, Casero emitiu un voto contrario ao dos seus compañeiros e compañeiras de bancada en dúas ocasións máis, alén da propia votación do real decreto-lei da reforma laboral.

No primeiro caso a Cámara pronunciábase sobre a tramitación desta norma como proxecto de lei, unha iniciativa que foi rexeitada ao sumar 175 sufraxios negativos fronte a 174 favorábeis, entre os que se atopaban os do PP.

Extracto da acta da sesión plenaria desta quinta feira que reflicte a votación na que Casero impediu cun sufraxio erróneo que a reforma laboral se tramitase como proxecto de lei (Fonte: Congreso).

Extracto da acta da sesión plenaria desta quinta feira que reflicte a votación na que Casero impediu cun sufraxio erróneo que a reforma laboral se tramitase como proxecto de lei (Fonte: Congreso).

Por tanto, se Casero tivese emitido o mesmo voto que o resto da bancada popular, a reforma laboral teríase tramitado como proxecto de lei e non como real decreto-lei a convalidar.

Noutra orde, o deputado votou 'non' nun dos puntos que se debatían na moción presentada polo PP sobre a observancia constitucional do programa lexislativo do Goberno. Porén, neste caso non foi determinante: 152 votos a favor, 196 en contra e unha abstención.

Con todo, o PP insiste na súa tese: "Onte [pola quinta feira] solicitamos a convocatoria dunha Mesa para que se pronuncie e busque un sistema para a corrección da votación; se non, acudiremos ao Tribunal Constitucional", dixo esta sexta feira a portavoz popular na Cámara, Cuca Gamarra.

Comentarios