sábado 29/01/22

O BNG botará atrás a reforma laboral de non volver a indemnización de 45 días por ano traballado

O deputado do Bloque Néstor Rego pon sobre a mesa as exixencias para apoiar a modificación da norma pactada polo Goberno do Estado español, os empresarios, CCOO e UXT.
O deputado nacionalista Néstor Rego, onte, na súa intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)
O deputado nacionalista Néstor Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)

Escasas semanas despois de que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, representación das patronais e os sindicatos UXT e CCOO asinaran unha nova reforma laboral que ten que pasar o corte do Congreso, o BNG advirte daquelas liñas vermellas que non vai permitir.

Se desde o primeiro momento o Bloque foi moi crítico coa modificación por entender que non se recuperaban dereitos laborais retirados polos gobernos estatais do PP, esta sexta feira o deputado Néstor Rego incidiu nas exixencias da formación para apoiar o texto.

O nacionalista advertiu de que non secundará a "convalidación do decreto lei" se o Goberno do Estado non se abre a pactar novos cambios como a "recuperación da indemnización de 45 días" por ano traballado en caso de despedimento improcedente.

Para o Bloque Nacionalista Galego non só é oportuno retomar esa garantía para as operarias e operarios, senón que o máximo debe estabelecerse nos 42 meses. Ao fío desta consideración, demandan que sexa menos sinxelo botar ao persoal.

Por outra parte, reclámase que de novo sexa indispensábel ter a autorización previa da autoridade laboral para levar a cabo despedimentos colectivos en calquera compañía.

Outras condicións son os salarios de tramitación por despedimento, pois para Rego debe ser preciso o acordo para cambiar os convenios, eliminando a posibilidade de incumprimento ou cambio das condicións estabelecidas polas empresas; o recoñecemento dos convenios territoriais; ou a validez total dos convenios sectoriais sobre os de cada negocio.

As promesas

"Semella que prefiren incumprir as súas promesas e compromisos para contentar os empresarios á costa dos dereitos dos traballadores e traballadoras", lamentou o representante do BNG.

Por iso chamou á rectificación por parte da coalición de PSOE e Unidas Podemos para "avanzar na recuperación de dereitos". "E iso pasa por acceder a tramitar o decreto como proxecto de lei e por acordar os cambios necesarios", resumiu.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O BNG botará atrás a reforma laboral de non volver a indemnización de 45 días por ano...
comentarios