Arranca unha nova lexislatura marcada pola polarización entre o PP e o BNG

O Pleno do Parlamento da Galiza elixiu onte o seu órgano de Goberno e comeza a conta atrás para a investidura do vindeiro presidente da Xunta da Galiza, como paso previo á conformación dun Executivo onde se agardan cambios e a entrada de persoas próximas a Alfonso Rueda.

XII Lexislatura
photo_camera Canto do Himno Galego onte no Parlamento da Galiza no acto de clausura da sesión. (Foto Europa Press).

A XII Lexislatura botou a andar onte coa elección dos órganos de Goberno da Cámara galega para os vindeiros catro anos. A sesión comezou coa constitución da Mesa de Idade, conformada polo membro máis vello do Parlamento, o popular José Manuel Mato, e os integrantes máis novos, o popular Raul Santamaría e o nacionalista Iago Suárez, quen sentou no escano cun pano palestino, como xesto de solidariedade coa loita dese pobo.

Cambios no Goberno

A continuación procedeuse á elección do deputado popular pola circunscrición de Ourense Miguel Ángel Santalices como presidente da Mesa da Cámara. Vai estar acompañado da deputada do PP por Lugo e voceira do partido na cidade, Elena Candia, quen continúa como vicepresidenta primeira. Ao tempo, mantense como vicepresidenta segunda a nacionalista Montse Prado e súmase ao órgano de Goberno do Parlamento como secretaria primeira a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, e a deputada socialista pola Coruña, Patricia Igrexas, quen atopa sitio na Mesa ao cederlle un posto o BNG ao PSdeG para garantir a pluralidade do órgano do Goberno da Cámara, explicou a formación nacionalista .

O PSdeG entra na Mesa

A incorporación dos socialistas ao órgano de Goberno do Parlamento era unhas das principais incógnitas de cara á sesión de onte. Neste sentido, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu o apoio dos nacionalistas á presenza dos socialistas na Mesa “porque queremos que a pluralidade estea garantida mesmo nunha lexislatura onde a cidadanía deixou moi claro quen debe liderar a oposición”.A este respecto, o deputado e candidato a secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou “positivamente” o xesto do BNG, que permite a entrada na Mesa de Patricia Igrexas, unha das apostas persoais do dirixente socialista.

A composición da Mesa da Cámara deixa algunhas pistas sobre a conformación do novo Executivo. Neste sentido, a incorporación á mesma de Ethel Vázquez e a súa conseguinte saída do Goberno galego evidencia a vontade de Alfonso Rueda de prescindir daqueles conselleiros máis próximos a Alberto Núñez Feixoo e avanza novos cambios na Xunta, onde está prevista a inclusión de persoas de confianza do presidente galego. A este respecto, nas últimas semanas sucédense os rumores sobre a incorporación como conselleiro do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen Rueda encargou a coordinación do programa electoral do PP para os comicios do 18 de febreiro.

A toma de posesión

O órgano de Goberno da Cámara organizou a toma de posesión das deputados e dos deputados electos nos comicios do 18 de febreiro, onde os representantes do PP e do PSdeG optaron por prometer ou xurar a Constitución e os cargos nacionalistas apostaron por acatala recorrendo á súa tradicional fórmula de “Si prometo por imperativo legal e comprométome a defender os dereitos nacionais e sociais do pobo”, cun caravel e un exemplar do Sempre en Galiza de Daniel Castelao na man. Neste sentido, o BNG mantén un procedemento que se remonta a 1985, cando a formación volveu ao Parlamento após ser expulsada do mesmo por negarse a xurar a Constitución en 1983 e que expresa as demandas dos nacionalistas de superar o actual marco xurídico-político.

A sesión de onte fechouse co canto do Himno Nacional, precedido dunhas palabras do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, que alcanza o seu cuarto mandato encabezando a Cámara, só un día despois de cumprir 69 anos. Santalices encheu a súa intervención de agradecementos aos seus colaboradores, ao persoal do Parlamento e aos deputados e deputadas dos diversos grupos así como de referencias persoais, nunha lexislatura que xa recoñeceu como “a miña derradeira toma de posesión”. Na esfera política, instou os parlamentarios e as parlamentarias "a estar á altura da xente que nos votou" e fixo un chamado “pola paz mundial e a fin de todas as guerras”.

Un tempo político novo

As forzas da Cámara recoñecen esta lexislatura como un tempo político novo. Neste sentido, a actual correlación de forzas, cun Partido Popular en 40 escanos e un BNG con 25, avanza unha forte polarización entre ambas as formacións, fronte a un Partido Socialista (9 escanos) en busca de espazo e unha Democracia Ourensá (DO) nun papel testemuñal con un deputado. A este respecto, a grande incógnita para os vindeiros catro anos vai estar na capacidade que amose o BNG para presentarse como alternativa ao PP e na fortaleza que presenten os populares para non ceder posicións diante dos nacionalistas, que centrarán boa parte dos esforzos en entrar nos nichos electorais da formación de Alfonso Rueda.

A consideración deste período como un tempo político novo pairou nos últimos días nas intervencións dos dirixentes políticos. Rueda xustificou en base a esta idea os diversos cambios previstos no seu Executivo, Ana Pontón cualificou a lexislatura entrante como “moi especial, cun BNG en máximo de apoios electorais e deputados” e significou que “o electorado deixou claro quen é oposición”; e Besteiro asegurou que “os socialistas comezamos un tempo novo”

PP, BNG e PSdeG definen as liñas de actuación dos próximos catro anos

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro aproveitaron o primeiro pleno da lexislatura para incidir nas liñas de actuación das súas formacións de cara aos vindeiros catro anos. Neste sentido, o presidente do PP galego asegurou que “nesta lexislatura temos moitos retos por diante pero sempre cunha máxima: servir ás galegas e aos galegos" e destacou que “é unha honra volver formar parte da Cámara que representa un pobo aberto e plural”. Precisamente, esta idea da Galiza “plural e aberta” é un dos eixos argumentais empregados polos populares contra os nacionalistas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que “estes 25 deputados e deputadas van servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, un cambio de modelo enerxético, o medio ambiente ou para darlle futuro á mocidade”. Nesta orientación, lembrou ao PP que “case a metade das persoas que votaron nas pasadas eleccións apoiaron outras forzas políticas e debe escoitar a oposición” para que “non se confunda a maioría absoluta co absolutismo”.

O socialista José Ramón Gómez Besteiro comprometeu unha oposición “con ambición de país”, que dea “voz a todas galegas e galegos sen deixar ninguén atrás” e que actúe de maneira “firme, responsábel e construtiva na defensa dos dereitos sociais e coa mirada posta na blindaxe dos servizos públicos”.Neste punto, apostou por “confirmar e apoiar iniciativas que xeren a mellora económica na Galiza”.

Comentarios