Montse Prado repetirá como vicepresidenta do Parlamento e o BNG cederá á socialista Patricia Igrexas un asento na Mesa da Cámara

Segundo comunicaron fontes do BNG, decidiron "ceder" o posto ao terceiro grupo da Cámara "en aras de visibilizar a pluralidade".
A deputada do BNG Montse Prado (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado (Foto: Nós Diario).

O Grupo Parlamentario do BNG proporá que Montse Prado para que repita como vicepresidenta segunda na Mesa da Cámara galega. Ademais, avanzou que os nacionalistas favorecerán que o PSdeG estea no órgano reitor.

Respecto diso, fontes socialistas confirmaron que será a cabeza de lista pola circunscrición da Coruña, a deputada Patricia Igrexas, quen vai ocupar a Vicesecretaría da Mesa.

Segundo comunicaron fontes do BNG, decidiron "ceder" o posto ao terceiro grupo da Cámara, que ten nove escanos, "en aras de visibilizar a pluralidade tamén nos órganos de dirección", como xa fixo na lexislatura pasada.

Comezo da lexislatura

O Parlamento da Galiza arrinca esta segunda feira, a partir das 11 horas, a XII lexislatura coa elección da Mesa da Cámara e a toma de posesión dos 75 deputados e deputadas das catro formacións que obtiveron representación tras as eleccións do 18 de febreiro: PP(40), BNG (25), PSdeG (9) e Democracia Ourensá (1).

Así, tras a lectura do acordo da Xunta Electoral polo que se fan públicos os resultados dos comicios, constituirase a Mesa de Idade, que estará presidida polo deputado do Partido Popular José Manuel Mato Díaz. Este político, que foi alcalde de Paradela (comarca de Sarria) desde 1979 até a súa dimisión a principios deste ano para concorrer nas listas do PP ás eleccións galegas, cumprirá o próximo mes de maio 70 anos de idade.

Ademais, actuarán como secretarios deste órgano, ao ser os membros da Cámara máis novos, o parlamentario electo do BNG Iago Suárez, nado en Chantada (comarca homónima) en 1997 e coñecido por ser integrante da banda de rap TIAM GZ, así como o deputado popular Raúl Santamaría, de 25 anos e o máis mozo da Cámara, que saltou á actualidade polo seu papel como un dos 'Mozos de Arousa' nun programa de televisión.

A continuación procederase á elección dos membros que formarán parte da Mesa do Parlamento, que volverá estar presidida polo popular Miguel Santalices, acompañado o órgano reitor da Cámara por Elena Candia (PP), Montse Prado (BNG), Ethel Vázquez (PP) e Patricia Igrexas (PSdeG).

Para a elección da Mesa, faranse tres votacións en urnas separadas: unha para elixir á persoa que ocupará a Presidencia, outra para escoller a Vicepresidencia primeira e a Vicepresidencia segunda, e unha terceira para designar ás persoas que ocuparán a Secretaría e a Vicesecretaría. A sesión finalizará cunha breve intervención da persoa que ocupará a Presidencia do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, tras o que se procederá á interpretación do himno galego.

Disposición do hemiciclo

Nesta primeira sesión da Cámara galega tras as eleccións do pasado 18 de febreiro os deputados e as deputadas estarán sentadas conforme ao decidido pola mesa da Deputación Permanente a principios desta semana, que fixo unha asignación provisional. Con todo, a distribución definitiva será efectuada por parte dos órganos da Cámara saíntes da sesión de constitución e conforme á comunicación que fagan os grupos.

Comentarios