Ethel Vázquez causa a primeira baixa no Goberno galego: unha conselleira desgastada polas acusacións de conivencia da Xunta con Monbus

As resolucións da Xustiza contra as adxudicacións de transporte por estrada uníronse aos problemas xeneralizados neste servizo ao longo dos últimos anos. Dous cuestións vencelladas que provocaron un fondo desgaste na Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade liderada por Ethel Vázquez, a máis veterana do Executivo galego, xunto a Alfonso Rueda.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).

O PP proporá á actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, como secretaria primeira da Mesa do Parlamento da Galiza para a XII Lexislatura que se estreará esta segunda feira no Pazo do Hórreo, o que anticipa os primeiros cambios no Goberno da Xunta da Galiza que prepara Alfonso Rueda.

Esta é a principal novidade das propostas trasladadas este domingo polos populares galegos para a Mesa do Parlamento, que seguirá presidindo Miguel Santalices e na que continuará como vicepresidenta primeira Elena Candia.

A elección de Ethel Vázquez para a secretaría primeira descártaa para continuar á fronte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, cargo que ostenta desde 2018 tras dirixir entre 2014 e 2018 as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Infraestruturas e Vivenda en etapas consecutivas. Desde o ano 2003, Vázquez ocupou postos de responsabilidade na Administración galega.

Nas súas redes sociais, Alfonso Rueda subiu unha foto con Ethel Vázquez acompañada dun texto no que destacou que durante anos foi "unha conselleira excepcional", mais, "sobre todo", engadiu, "unha magnífica compañeira". "Sei que agora o fará tan ben como o fixo no Goberno. Grazas por todos estes anos, Ethel, e polos que están por vir", manifestou.

Porén, os anos de Vázquez, a máis veterana do Executivo galego xunto a Alfonso Rueda, estiveron cheos de polémicas por diversas cuestións, especialmente durante esta última etapa á fronte de Infraestruturas e Mobilidade, nunha última lexislatura que estivo marcada polas sentenzas xudiciais contra as adxudicacións da Xunta no servizo do transporte por estrada.

As adxudicacións a Monbus e Alsa

En outubro de 2023, Nós Diario informaba sobre a ratificación do Tribunal Supremo (TS) da repartición de modo ilegal do mercado por parte de Monbus e Alsa. Desta maneira, o TS non admitía a trámite os recursos de Monbus, de Alsa e da Xunta da Galiza, os cales presentaban contra a resolución de Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que acusaba as dúas empresas de “repartir o mercado” e “renovar liñas de de transporte de viaxeiros por estrada ilegalmente".

O auto do Tribunal Supremo, ademais, sinalaba á Xunta ao indicar que o seu órgano de competencia "non analiza nin comproba se a distribución de lotes favorece Alsa e Monbus nin se falsea a libre competencia ou adecúase ás exixencias do mercado".

Neste sentido, en novembro de 2023, o deputado do BNG Paulo Ríos reprobaba a actitude da conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, por "mirar para outro lado" no "reparto ilegal" do mercado entre Alsa e Monbus, ao que o nacionalista sumou o "visto e prace da Xunta" e volveu exixir que o Goberno "cumpra a lei".

A pesar de que a propia Xunta presentou o seu recurso -desestimado- ante o TS contra a sentenza polo reparto do mercado entre Monbus e Alsa, o que era portavoz de Infraestruturas do grupo popular, José Manuel Balseiro, en resposta a Ríos, criticaba que o BNG "insista na súa mentira respecto do sistema de contratación do Plan de transporte público da Xunta”.

Previamente, no mes de setembro de 2023, do que tamén informaba este xornal, varios responsábeis da Consellaría de Educación vinculados á adxudicación de diversos lotes de transporte escolar á empresa Monbus tiveron que prestar declaración nos xulgados de Santiago de Compostela.

As polémicas coa empresa Monbus viñan de lonxe. A inicios daquel mes de setembro, o BNG, a través do deputado Paulo Ríos, denunciou no Parlamento da Galiza que "a conivencia entre PP e o grupo empresarial Monbus xa traspasa as nosas fronteiras". "Constatamos como este mesmo verán foron paralizadas varias licitacións no servizo de transporte escolar da Generalitat Valenciana, adxudicadas a Monbus, onde se pretendía dar o servizo de transporte escolar incluíndo até 54 vehículos que xa operaban en lotes actualmente activos en Galiza", acrecentaba.

Ante os diversos casos de anulación de lotes adxudicados pola Xunta a Monbus, xa en novembro de 2023, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, defendían na Cámara galega a transparencia das adxudicacións das liñas de transporte regular e escolar concedidas polo Goberno galego ás diversas Unións Temporais de Empresas (UTE) promovidas por esta empresa. O proceso de adxudicación das liñas de transporte regular é "escrupuloso" e "transparente", sinalaba Vázquez, que tamén criticou as sentenzas do TSXG.

Previamente, en outubro de 2023, tamén o Consello de Contas cargaba contra a actuación da Xunta, e especialmente da Consellaría de Mobilidade, nesta cuestión. A institución fixo público naquela altura un informe onde denunciaba a posición de “monopolio” de Monbus no mercado de transporte galego.

En consecuencia, reclamaba “fomentar unha maior participación das Pemes e evitar a concentración en grupos empresariais con participación dominante", así como "valorar a incorporación de maiores exixencias nas condicións de participación das UTE nos procesos de licitación”. Neste sentido, consideraba “esencial, para verificar a compatibilidade das UTE co dereito da competencia, a análise da necesidade obxectiva da súa constitución”.

En relación con este tema, como tamén informou Nós Diario, o Xulgado Nº1 de Santiago acordou incoar "dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa" contra Ignacio Maestre Saavedra, director xeral de Mobilidade da Xunta desde 2017. O auto implicaba o inicio dunha investigación por mor dunha denuncia presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus). O cargo da consellaría liderada por Vázquez era entón acusado de "conivencia" con Monbus nas licitacións, "por permitir que esta empresa empregase os mesmos autobuses en diferentes concursos".

Mal funcionamento do transporte por estrada

As resolucións da Xustiza contra as adxudicacións de transporte por estrada uníronse aos problemas xeneralizados neste servizo ao longo dos últimos anos. Dous cuestións vencelladas que provocaron un fondo desgaste na Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, converténdoa nunha das máis contestadas pola cidadanía dentro do organigrama do anterior Goberno galego. Teña que ver ou non coa decisión anuniada este domingo polo PP, foi Ethel Vázquez a primeira en causar baixa de cara ao próximo Executivo que liderará o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda.

Comentarios