18-F | Análise

PP vs BNG, unha Galiza polarizada

Os resultados das eleccións galegas deixan unha Galiza con dúas grandes forzas: a do PP e a do BNG e con dous programas completamente antagónicos. As propostas de PP e BNG son irreconciliábeis e todo apunta a que a lexislatura que se abre será de confrontación no Parlamento e de mobilización social na rúa.
Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Fotos: Europa Press)

Un candidato á Presidencia da Xunta da Galiza de baixo perfil, cun papel cuestionado no único debate ao que se presentou fronte a unha candidata á Presidencia da Xunta da Galiza preparada, con solvencia, cun liderado forte e capaz de crear ilusión. Unha estratexia baseada na difamación e en usar os medios públicos e o Goberno galego en beneficio propio, cunha campaña sucia que resultou amoestada até en nove ocasións pola Xunta Electoral e con tres expedientes abertos, fronte a unha alternativa en chave positiva, con propostas, desde o rigor e a honestidade.

Un Rueda que se presentaba ás eleccións para “confrontar con Sánchez”, en chave española, e unha Pontón que o facía para “mellorar a vida das galegas e galegos”, en chave nacional. Un PP que caeu 2 escanos e 0,6 puntos. Un BNG que sumou 6 escanos e subiu 7,80 puntos. Mais un PP que logrou reter a maioría absoluta e un BNG que algunhas enquisas situaban na Presidencia da Xunta da Galiza e que ficou ás portas.

O PP fronte ao BNG. Dúas forzas antagónicas tanto na ideoloxía que practican como nas políticas que defenden. Dúas formacións políticas que representan a polarización da sociedade galega: unha alcanzou 670.000 votos e 47,3% dos apoios e a outra 467.000 e un 31,6%. Á vista destas cifras, o Parlamento vaise converter nunha contenda a dous, aínda que haxa actores secundarios como un PSdeG en mínimos e unha Democracia Ourensá que se estrea no Hórreo.

As fortalezas do PP

Os resultados do Partido Popular non poderían explicarse sen o control do sistema mediático galego, dependente das axudas públicas millonarias da Xunta da Galiza e, moi particularmente, dos medios públicos galegos, que durante a campaña actuaron como instrumentos de partido, segundo denunciou a oposición.

A grande estrutura organizativa e a súa ampla base social, cunha ampla rede de poder territorial, é outro dos factores que explican os grandes resultados do PP, ao que se lle suma o feito de ser canle de grandes grupos económicos con intereses no país, dos cales as empresas enerxéticas son o exemplo principal.

As fortalezas do BNG

Os mellores resultados do BNG no Parlamento da Galiza son consecuencia de que, cada vez, sectores máis amplos da sociedade asumen como propia a proposta programática do BNG, baseada no benestar social, na promoción dos servizos públicos e na defensa dunha Galiza máis dona de si.

O liderado críbel, recoñecíbel e forte de Ana Pontón explica uns resultados dunha formación política cuxa estrutura organizativa é unha das principais virtudes, cunha militancia moi entregada que fixo posíbel o desenvolvemento dunha gran campaña.

Unha Galiza cun ecosistema político de seu

Os resultados das eleccións demostran, tamén, que Galiza conta cun ecosistema político propio, con dinámicas de seu. Non por acaso, Galiza segue a ser a única autonomía do Estado español onde o ultraespañolismo de Vox non ten representación, o que se acompaña dun 30% do electorado galego que aposta polo nacionalismo, por un novo modelo de relacións co Estado español, como defende o BNG.

Comentarios