18-F

Unha lexislatura para contrapor dous modelos de país: as direccións de PP e BNG analizan o 18-F

As valoracións dos resultados centraron a axenda pública das formacións políticas un día despois da xornada electoral. Mentres Rueda e Pontón analizaron os datos de PP e BNG e marcaron as liñas de actuación futura, o PSdeG delegou esta responsabilidade en José Manuel Laxe.

foto-web
photo_camera Á esquerda, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo; á dereita, Ana Pontón.

Alfonso Rueda reuniu esta segunda feira a xunta directiva do Partido Popular da Galiza para analizar os resultados electorais e fixar algúns dos retos para a vindeira lexislatura. O candidato popular á Presidencia da Xunta da Galiza, que estivo acompañado dos principais dirixentes galegos do partido e do seu presidente estatal, Alberto Núñez Feixoo, sinalou que "queremos igualdade entre todas as comunidades de España e polo tanto tamén para Galiza, nada de privilexiar unhas para prexudicar outras".

O mandatario popular aferrouse ao discurso contra o nacionalismo esgrimido durante a campaña. Nesta dirección, aseverou que “queremos comprensión, responsabilidade, sentido común. E queremos, nin máis nin menos, que Sánchez, os nacionalistas e os independentistas entendan isto: queremos dignidade para Galiza e iso é o que imos defender por riba de todo”.

As palabras de Rueda chegaron  tras uns comicios onde os populares perderon dous escanos pero retiveron a maioría absoluta. Neste sentido, os resultados do PP atenderon a distintas variábeis, onde destacou a estrutura organizativa e a base social do partido, cunha ampla rede de poder territorial e penetración nos diversos tecidos locais. Na mesma dirección, a súa hexemonía aséntase no control do sistema mediático, moi particularmente dos medios públicos, que "funcionan como instrumentos de partido" -teñen denunciado a oposición e o persoal da CRTVG- outorgándolle unha absoluta vantaxe nas diferentes esferas que conforman a loita política.

As liñas de actuación definidas na súa reunión desta segunda feira polos populares avanzaron nalgunhas das cuestións xa formuladas durante a campaña electoral. Neste punto, o PP aposta por agochar as súas eivas na xestión cunha batalla ideolóxica "sen complexos", especialmente contra o nacionalismo e incidir nas súas políticas máis reaccionarias.

O BNG insiste no cambio

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, destacou esta segunda feira que “nada volverá ser igual, porque Galiza xa mudou e o BNG é unha forza política sólida sobre a que construír un futuro diferente”. Ao tempo, incidiu en que "onte non acabou nada, senón que empezou un novo ciclo no que o BNG é o referente de todas as persoas que cren que hai outra Galiza posíbel e que non se conforman coa Galiza en pequeno que nos deixa o PP".

Pontón, que compareceu após dunha Executiva da formación acompañada polos integrantes deste órgano de dirección do BNG, afirmou: “Sei que non logramos o obxectivo e a moitas persoas que poidan sentirse decepcionadas quero dicirlles que non o estean, que temos motivos para a esperanza. Os cambios profundos na sociedade adoitan levar moito tempo, pero é evidente que este país xa cambiou e que eses cambios chegarán".

As palabras da dirixente do BNG responderon aos dous retos que ten por diante a formación. No inmediato, evitar que un resultado en termos electorais moi relevante xere unha desilusión en parte da afiliación e dos votantes ao manter o PP a maioría absoluta. A curto e medio prazo, intervir para reforzar organizativa e ideoloxicamente o seu corpo social, co obxectivo de fidelizar o electorado que se achegou ao BNG neste proceso e dar con máis posibilidades e eficacia a batalla contra os populares, durante a lexislatura e nos vindeiros comicios.

O BNG, que marcou nestas eleccións máximos históricos ao lograr 467.074 votos, unha porcentaxe de 31,5% e 25 escanos, traballa xa en definir os eixos da oposición nesta vindeira lexislatura, co obxectivo de articular unha maioría alternativa ao PP. A este respecto, Pontón volveu pór o foco na defensa do benestar, indicando que “imos seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, o dereito a unha vellez digna ou que a mocidade poida desenvolver os seus proxectos de vida aquí".

O futuro do PSdeG

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, foi o único cabeza cartel das tres grandes formacións que non achegou esta segunda feira as súas valoracións sobre os comicios. Os socialistas, que deixaron para despois da súa Executiva de hoxe unha análise sobre o acontecido, enviaron á prensa un comunicado do seu secretario de organización, José Manuel Laxe Tuñas, no que se sinala que “son uns moi malos resultados electorais, sen adxectivos“. Laxe, após uns datos que colocan o PSdeG en mínimos históricos con 207.691 votos e 9 escanos, 5 menos dos alcanzados en 2020 con Gonzalo Caballero, sinalou que “toca facer autocrítica, analizar en detalle e unir esforzos para desde a unidade construír un proxecto político para a Galiza, en clave de país”.

As palabras de Laxe explícanse no marco dunha opinión moi asumida entre a militancia socialista, que apunta ás dificultades da formación para presentarse e actuar como unha organización galega, aparecendo socialmente como unha suma de baronías de carácter territorial, con formulacións en moitos casos contraditorias.

Pola súa parte, Democracia Ourensá (DO), que estará tamén presente na Cámara con un deputado, aspira a atopar un oco na próxima lexislatura, unha cuestión que vai ter difícil, dada a maioría absoluta do PP.


A participación pasou de 67% e superou en 18 puntos a de 2020

A participación electoral alcanzou máximos históricos nas eleccións galegas do domingo. Neste sentido, 1.493.019 galegas e galegos exerceron o seu dereito a voto, o que representa 67,3% de todo o corpo electoral, marcando o seu rexistro máis elevado na circunscrición de Lugo con 69.8%, seguido de Ourense con 68,9%, Pontevedra con 67,2% e A Coruña con 66,4%. A este respecto, as porcentaxes de voto situáronse 18,3 puntos por riba de 2020, cando en pleno ano da pandemia o número de electoras e electores chegou a 51%.

O número de sufraxios dos comicios de 18 de febreiro ficou por baixo de 2009 e 2005, eleccións onde se deu un cambio na dirección do Goberno galego. Así, en 2009, ano no que Núñez Feixoo logrou por primeira vez a Presidencia da Xunta, a participación marcou o seu máximo histórico ao alcanzar 70,5% do corpo electoral, con 1.629.890 votantes. En 2005, cando a suma do PSdeG e do BNG apartou o PP da Xunta, o numero de electores e electoras chegou a 68,1% do censo (1.574.350 persoas exerceron o dereito a sufraxio).

O numero de votantes deste domingo completarase cos procedentes do coñecido como Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro (CERA), onde están inscritas aquelas persoas de nacionalidade española pero residentes fóra do Estado.  No mesmo inclúense 476.514 persoas, se ben exerceron o seu dereito a voto arredor de 29.300, o que representa 6,5% do mesmo e unha cifra practicamente semellante á das eleccións estatais de 2023, onde votaron na Galiza 29.818 persoas.

Neste sentido, a foto final do reparto dos últimos escanos na Galiza non avanza cambio, se ben na circunscrición de Ourense, o PP, o BNG e o PSdeG  xóganse unha acta por unha escasa marxe.

Comentarios