Rueda sopesa o cuarto cambio no Goberno en catro anos

Alfonso Rueda valora un cambio do Goberno galego para o inicio da nova lexislatura (a XII), e que sería a cuarta mudanza no Executivo nos últimos catro anos, desde os comicios de 2020. Se ben o presidente en funcións quixo esquivar as preguntas sobre este tema, "nin confirmo nin desminto", si que admitiu que "nos vindeiros días" iranse sabendo "nomes e postos" do novo Goberno da Xunta da Galiza.

Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

Alfonso Rueda sopesa cambios no Goberno galego, se ben esta quinta feira mostrouse refractario, durante a súa comparecencia semanal tras a reunión do Executivo galego, a falar de mudanzas e nomes. "Tempo haberá", dixo o presidente en funcións ante as preguntas da prensa. "Futuros nomes e postos iranse sabendo nestes días", acabou recoñecendo o mandatario.

Sería esta a cuarta mudanza no Executivo galego en apenas catro anos, desde os anteriores comicios para o Parlamento galego, en xullo de 2020. Na remodelación do Goberno após aqueles comicios, o presidente Alberto Núñez Feixoo elevara a Francisco Conde a vicepresidente segundo —Rueda  ocupaba a Vicepresidencia primeira— e substituía os conselleiros de Sanidade (Jesús Vázquez Almuiña) e Educación  (Carme Pomar). 

Unha segunda remuda tivo lugar dous anos despois, cando Núñez Feixoo marchou para liderar o PP español para intentar asaltar La Moncloa. O 15 de maio dese ano Rueda toma posesión como novo presidente galego e pose á fronte do Executivo.

Apenas un ano despois, e debido á candidatura de dous concelleiros nas eleccións estatais anticipadas do 23 de xullo de 2023 nas listas do PP, Francisco Conde e Rosa Quintana, o Rueda vese obrigado a levar a cabo unha reorganización de Goberno, que revelará o 13 de xuño. Ascende a Diego Calvo Pouso a vicepresidente primeiro e a Ángeles Vázquez a vicepresidenta segunda, nomea María Jesús Lorenzana, anteriormente conselleira de Emprego, como conselleira de Economía tras Francisco Conde. Substitúea Elena Rivo; mentres que o ex alcalde de Cervo, Alfonso Villares , substitúe Rosa Quintana como conselleira do Mar. 

Financiar caixeiros

Na súa comparecencia Alfonso Rueda informou de que 41 concellos galegos dispuñan xa dun caixeiro automático financiado pola Xunta da Galiza. "Unha medida que beneficiou 50.000 persoas" que carecían dese servizo neses municipios. A Xunta destinou 2,8 millóns  de euros aos bancos para que instalasen caixeiros nos concellos nos que esas mesmas entidades sacaron caixeiros no seu día.

Outros acordos adoptados no Consello da Xunta foron os de destinar 350.000 euros ás dioceses galegas para a restauración dunha ducia de igrexas;  30.000 á Federación Venezolana na Galiza e 1,6 millóns para o sector marítimo-pesqueiro para labores e tarefas de limpeza do ecosistema mariño. 

O presidente galego tamén anunciou unha modificación do Fondo de Garantías Navais que a Xunta ten con Pymar _asociación de pequenos e medianos estaleiros— para ampliar o mesmo máis alá da constrición e modificación de buques á construción de "artefactos flotantes", en referencia á eólica mariña. 

Comentarios