Besteiro, único candidato postulado á Secretaría Xeral do PSdeG

O socialista poderá ser proclamado tras reunir os avais exixidos no proceso interno.
José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O que foi aspirante socialista a liderar a Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, é o único candidato que se postulou no proceso interno para elixir ao novo secretario ou secretaria xeral do PSdeG. O prazo de presentación de candidaturas, que arrincou a comezo de semana, finalizou esta quinta feira ás 15 horas sen que ningunha persoa do Partido Socialista decidise competir.

Agora, o deputado electo pola provincia de Lugo terá ata as 12 horas do próximo 22 de marzo para recoller os avais necesarios para que a súa candidatura sexa proclamada e que, segundo o regulamento, fíxanse nun mínimo do 6% do censo de militantes o PSdeG.

Besteiro xa foi nas últimas primarias para elixir o candidato á Presidencia da Xunta o único socialista que reuniu os avais necesarios, tendo en conta que a outra persoa que chegou ao final do proceso, o militante coruñés Manuel Losada, quedou lonxe de reunir a cifra mínima exixida. Naquel proceso, o ex secretario xeral Gonzalo Caballero decidiu retirarse.

Así as cousas, tras o pertinente prazo de recursos, terá lugar a proclamación definitiva da súa candidatura, que poderá ser, como moi tarde, o 26 de marzo. O proceso interno co que o PSdeG prevé renovar á súa cúpula culminará co Congreso Extraordinario que terá lugar o 27 de abril en Santiago de Compostela.

Na cita elixirase á nova executiva que acompañará Besteiro até a celebración do próximo congreso ordinario, que debería decorrer a finais do 2025. Precisamente, preguntado polo equipo do que se rodeará de chegar á Secretaría Xeral, Besteiro mostrouse partidario dun "equipo novo" e descartou que iso supuxese "un desprezo" para os integrantes da actual dirección.

"Non se trata de dar continuidade ou non senón de que, cando un ten a responsabilidade de elixir unha executiva, elixir no momento oportuno aos homes e mulleres que poidan facer mellor ese labor", apuntou o socialista.

Renovación

O PSdeG afronta o seu proceso de renovación interna tras as eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, unha cita na que a formación socialista obtivo os seus peores resultados históricos, ao conseguir só nove escanos no Parlamento da Galiza, cinco menos que nas eleccións de 2020.

A pesar de que foi Besteiro quen encabezou a candidatura socialista neses comicios, numerosos cargos do PSdeG e da propia dirección federal do partido mostraron publicamente o seu apoio ao político lucense, ao sinalar que o futuro do partido pasaba por el.

Neste contexto, o actual secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, indicou que a formación afrontaría cambios orgánicos tras a mensaxe das urnas e considerou que Besteiro debía dotar ao partido de "estabilidade" para obter un "magnífico resultado" dentro de catro anos.

Comentarios