Anova pedirá o voto para o BNG nas eleccións galegas

A portavoz nacional e candidata do Bloque Nacionalista Galego á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, e o cofundador e actual coordinador nacional de Anova-Irmandande Nacionalista, Martiño Noriega, asinarán este domingo un acordo entre ambas as formacións políticas que, ao cabo, significa unha declaración de intencións para concentrar o voto na figura da actual máxima dirixente do Bloque.
Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro, en Santiago, na estrea do documental (Foto: Arxina)
photo_camera Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro, en Santiago, na estrea do documental (Foto: Arxina)

O documento que Pontón e Noriega asinarán o domingo nun acto que decorrerá nun hotel compostelán ás 10.30 horas ten como obxectivo pór de "relevancia" o papel do nacionalismo no momento político actual e supón unha sorte de reconciliación tras a ruptura escenificada na Asemblea Nacional do BNG, decorrida en Amio (Compostela), en 2012.

Daquela, o ex portavoz da formación frontista Xosé Manuel Beiras saíu do BNG, xunto aos 'irmandiños', entre os que se atopaba o propio Noriega, para logo asinar un pacto coa esquerda española, en que desenvolveu un papel relevante a hoxe ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz, coa que compartiron espazo en Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que nas eleccións de outubro de 2012 conseguiu 200.101 votos (13,99%), que se traduciron en 9 escanos no Parlamento da Galiza.

Doce anos despois e tras fracasar o acordo entre Anova e esquerda española -aínda en decembro, Beiras e o seu núcleo máis próximo desbotaron a oferta de Sumar para encabezar Noriega a candidatura impulsada pola esquerda española-, Noriega e Pontón, tras conversas ao máis alto nivel entre as partes que non se fixeron públicas, escenifican o domingo o achegamento das dúas forzas nacionalistas.

De pactar con Díaz a pedir o voto para o BNG

En abril de 2022, nun artigo publicado en Nós Diario, o propio Beiras afirmaba: "Cometimos erros irreparábeis na necesaria combinación do combate institucional coa loita social, calculamos mal a fiabilidade de determinados aliados tocantes á asunción do proxecto estratéxico, non soubemos gobernar a xeito a contradición nacional na acción conxunta con forzas da esquerda española -ao cabo desleais- nas Cortes do estado, e finalmente non fomos quen de coutar os desencontros, primeiro, e liortas, despois, entre sectores e cadros políticos membros do 'aparato' de En Marea e dos seus grupos parlamentares".

Na mesma liña, explicábase nunha ampla entrevista concedida a Nós Diario en xullo de 2022, na que atribuía ese fracaso da alianza coa esquerda española, entre outras cuestións, "ao comportamento de Pablo Iglesias, de Yolanda Díaz e de Tone Gómez-Reino, e de xente de aquí, por estupideces, por falta de clarividencia". Nesa mesma conversa, Beiras respondía a Nós Diario que vía "potencialmente" unha alternativa ao PP nas eleccións de 2024. Respondía: "O BNG está en condicións de ser unha alternativa". 

A poucos meses da entrevista, en setembro, Beiras participaba na presentación do documental sobre os 40 anos de historia do BNG e en xuño de 2023, pedía unificar o voto nacionalista nas eleccións estatais "fronte á onda fascista".

Antes de chegar a este punto, o BNG superou a travesía durante máis de doce anos na que se chegou a dar a formación por practicamente desaparecida en 2016, cando, aos mandos de Ana Pontón, logrou reter con seis escanos o grupo parlamentario até conseguir en xullo de 2020 marcar o máximo histórico de representación na Cámara galega, con perto de 24% dos apoios e situándose por diante do PSdeG.

Comentarios