Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Ana Pontón, xuntos na presentación do documental sobre os 40 anos do BNG

O BNG deu inicio este 14 de setembro aos actos de conmemoración dos 40 anos da súa fundación coa presentación dun documental realizado pola Fundación Galiza Sempre que recolle imaxes inéditas da creación en 1982 do Bloque. Con tal motivo, o Teatro Principal de Compostela contou coa presenza de históricos dirixentes nacionalistas, como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Mario López Rico ou Encarna Otero, entre outros, xunto a Ana Pontón.
 
Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro, en Santiago, na estrea do documental (Foto: Arxina)
photo_camera Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro, en Santiago, na estrea do documental (Foto: Arxina)

Era 26 de setembro de 1982, o emprazamento era o Frontón de Riazor na cidade da Coruña, e alí, aquel día, fundouse o Bloque Nacionalista Galego. En conmemoración desa data, a actual dirección do BNG decidiu organizar varios actos, entre eles, a proxección este 14 de setembro do documental Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista, que segundo a propia formación, é unha peza "chave" para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego. Ademais do interese das entrevistas a participantes da fundación do BNG, o documental conta con gravacións históricas.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, abriu o acto con palabras de recoñecemento “a toda a militancia e simpatizantes do BNG ao longo destes 40 anos, porque grazas a todas e cada unha desas persoas hoxe estamos aquí, con máis forza que nunca e dispostos a liderar o cambio político que Galiza necesita". Entre os asistentes á estrea estiveron históricos dirixentes da formación como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, María do Carme García Negro, Encarna Otero, Pilar Allegue, Mario López Rico, Xoán Carmona ou Alfredo Suárez Canal.

Edición dun libro

Ademais, o día 21 de setembro, no Auditorio Mar de Vigo presentarase o libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022 que, baixo a autoría de Manuel Anxo Fernández Baz, repasa ano a ano os principais feitos políticos e as actuacións chave do nacionalismo galego nunha edición cun importante peso gráfico, xa que contén máis de 400 fotografías, moitas delas inéditas, de momentos relevantes da historia do BNG.  

En declaracións a Nós Diario, Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre, entidade que produciu o audiovisual, manifestou que "40 anos na traxectoria dun pobo é pouco tempo, mais catro décadas de traxectoria dunha organización política é algo moi significante".

A respecto da tradición política anterior á fundación do Bloque, Cela indica que "dalgún modo considerámonos herdeiros das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista". "O BNG foi unha organización chave para entender hoxe o país, se non existise o BNG, Galiza hoxe en día non sería moi diferente a outras Comunidades Autónomas", salientou Cela que, ao falar sobre o propio documental, asegura que "plasma a pluralidade política que existía dentro do nacionalismo galego hai 40 anos e analiza as razóns de fondo que levaron a tomar a decisión de crear unha organización plural, máis transversal e con maior capacidade de actuación". 

Recordo a Saleta Goi

No acto, Ana Pontón realizou un recoñecemento especial para as persoas que participan no documental citando especialmente a Saleta Goi, “a quen tristemente acabamos de despedir, foi exemplo de coraxe, de rebeldía, de amor e dun compromiso inquebrantábel con Galiza e co BNG”. 

Comentarios