Entrevista no 'Sermos Galiza' deste sábado

Beiras: "Vexo posíbel unha alternativa ao PP para 2024"

Xosé Manuel Beiras (Compostela, 1936) vén de publicar Retratos en fite (Laiovento), unha compilación de perfís de persoas coas que tivo relación. A saída desta obra coincide cos cincuenta anos da primeira edición d'O atraso económico da Galiza, que defende a tese de que a Galiza é unha colonia. "Sígoa mantendo", asevera un Beiras que explica que "estamos peor que hai 40 anos". Nunha demorada conversa, ofrece unha análise da actualidade sociopolítica e económica. Falarmos de todo isto, exemplifica, "é como comer cereixas, colles unha e non paras". Publicamos un pequeno extracto da entrevista, que poderá lerse íntegra no 'Sermos Galiza' que acompaña este sábado 'Nós Diario', á venda nos quioscos.
Xosé Manuel Beiras (Imaxe: Arxina)
photo_camera Xosé Manuel Beiras (Imaxe: Arxina)

—Ve unha alternativa ao PP para 2024?
Si, vexo. Potencialmente hai unha alternativa. O BNG está en condicións de ser unha alternativa, mais o problema está en que por unha parte é moi difícil na Galiza que o BNG sobarde o PSOE nunhas eleccións ao Parlamento, nunhas eleccións nas que se decida quen ten o poder na Xunta.

Se non se fan parvadas e se traballa con intelixencia, cabe esa posibilidade, pero hai unha falta de conexión do BNG coa esquerda non nacionalista que pode ser aliada do nacionalismo fronte ao PP.

O que está clarísimo é que nunha situación de gran depresión os dous eixos de contradición basculan. Na Galiza, hai un eixo de contradición: esquerda-dereita, clases traballadores-capital, clases populares-oligarquía, pero hai outro eixo que é a contradición nacional Galiza-Estado. O nacionalismo de esquerdas, que na Galiza sempre o foi porque non houbo nacionalismo de dereitas, ten que xogar con esas dúas contradicións.

Cando estás na situación de grave crise, a contradición dominante é a de esquerda-dereita, iso foi o que eu vin en 2012, por iso lancei a mensaxe da fronte ampla. Cando lanzo a proposta no verán de 2012, se o BNG en vez de dicir “non queremos saber nada” di “imos falar”, seríamos hexemónicos dentro da coalición e Feixoo perdería as eleccións.

Para min iso de que nacionalismo e españolismo é unha fronteira insalvábel non é certo. É unha fronteira porque quen non asume Galiza como suxeito político non entende a cuestión, pero pode ser un aliado.

María Obelleiro entrevistando a Xosé Manuel Beiras (Imaxe: Arxina)
María Obelleiro entrevistando a Xosé Manuel Beiras (Imaxe: Arxina)

 

O fracaso é cando non o consegues a nivel de Estado, como pasou nestes últimos anos. Foi un fracaso de En Marea. Foi un fracaso, sobre todo, por cadros políticos, non pola xente de base. Foi un fracaso polo comportamento de Pablo Iglesias, de Yolanda Díaz e de Tone Gómez-Reino, e de xente de aquí, por estupideces, por falta de clarividencia. 

O que se xoga é que a esquerda sexa capaz de chegar a un acordo de que o principal inimigo é o PP e entón estabelecer unhas pautas de xogo que non son ir necesariamente xuntos nunha coalición, pero si que a xente perciba que poidan entenderse e non para facer un acordo de Goberno, senón para facer un proxecto alternativo, que é o que nunca se fixo.

Para min a chave está aí. Oxalá funcione. Desde logo, danse todas as condicións obxectivas para que o PP perda a maioría no Parlamento.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña Nós Diario, á venda nos quioscos este sábado. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facerte asinante nesta ligazón]

Comentarios