Beiras pide votar o nacionalismo galego para facer fronte á "vaga fascista"

"Eu podo fiarme máis diso, polo que vimos, que do que poida facer a esquerda española propiamente dita", manifestou, nunha entrevista a 'Europa Press' co obxectivo de sondar a súa opinión de cara ao 23 de xullo na que defendeu votar en chave "nacionalista", que agora está representada nas "institucións" polo BNG.

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras. (Foto: Europa Press)
photo_camera O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras. (Foto: Europa Press)

O veterano político nacionalista Xosé Manuel Beiras, cofundador de Anova en 2012 e un dos impulsores da unidade no ámbito da esquerda que deu forma a forzas como En Marea, advirte da situación de "emerxencia" na actualidade ante o crecemento da "vaga fascista" e sitúa o próximo 23 de xullo como data chave na que "os nacionalismos emancipadores do Estado" serán "unha panca moi importante, unha división panzer moi importante", para frear "o retorno do fascismo, que é o inimigo principal". "Eu podo fiarme máis diso, polo que vimos, que do que poida facer a esquerda española propiamente dita", manifestou esta terza feira, nunha entrevista concedida á axencia Europa Press para sondar a súa postura de cara ao 23 de xullo, na que defendeu votar en chave "nacionalista", que agora está representada "nas institucións" polo BNG.

Analizadas as eleccións municipais do 28-M, nas que a esquerda "perdeu" [apoios] a pesar das políticas impulsadas polo Goberno "máis progresista" da democracia —que no entanto foi "incapaz de cortarlle a cabeza á serpe" por quedarse en políticas sociais "moderadas"—, observa que no conflito das cuestións nacionais "perdeu o chovinismo español fronte aos nacionalismos emancipadores e, especialmente, os progresistas". "E isto é un dato que non podo deixar de ter en conta", incidiu.

Beiras non mencionou o BNG de forma expresa, pero foi claro ao referirse á "presenza dese nacionalismo social, ideolóxico, cívico, nas institucións parlamentarias", en clara alusión ao Bloque, organización política que tamén contribuíu a fundar e da que se escindiu en 2012. Neste punto, fixo un inciso para destacar os resultados das mareas municipalistas o pasado 28-M, que permiten ser "chave" en gobernos progresistas con máis de 70 edís nas corporacións locais. Para Beiras, "o baluarte do que pode ser o segmento decisivo nestas eleccións está fóra da España estrita, está no nacionalismo emancipador galego, euskaldun e catalán". "O combate agora é contra o proceso de fascistización", aseverou, ao longo da entrevista, salientando unha idea principal: "O retorno do fascismo é o inimigo principal".

Así as cousas, malia que "esoutro fragmento" do nacionalismo organizado podería presentarse, para el non é unha opción neste momento. "Se estou a dicir que é fundamental que a esquerda non se divida, que se articule como acaban de acordar os de Sumar —benvidos sexan, aínda que sexa tarde, mal e arrastras—, tamén teño que facer a mesma posición con respecto á cuestión nacional", advertiu. Así, sinalou que el non pode "contribuír" a que "aparezan opcións nacionalistas minoritarias, que se cadra o único que fan é restar votos ou ter votos inútiles, cando é necesaria a unidade".

Por iso, conveu que "é preferíbel xuntar eses apoios a quen está presente nas institucións con certo peso e que pode crecer, mais naturalmente non é un voto en branco". "Eu como cidadán nunca lle dei un voto en branco a unha opción política. Votaba e logo vixiaba se cumpría; e se non cumpría, castigaba ou denunciaba", remarcou.

Vaga "fascista e neofranquista" no Estado

Beiras contextualiza a súa postura no auxe da vaga "fascista e neofranquista" de Vox e o PP, liderado por un Alberto Núñez Feixoo, a quen lle dedica as mesmas palabras que no feche do último debate do estado da nación galega no que se viu cara a cara con el: "Como presidente só me inspira desprezo, e como persoa, conmiseración". "Vox sobre todo e o PP agora, que está botado ao monte, son dúas ramas do fascismo do Estado español. Un o fascismo filonazi e o outro o fascismo franquista ou neofranquista que é o PP; cando menos, a cúpula e cadros de poder", manifestou, incidindo en que estamos ante "unha emerxencia" e que o pobo galego está "en perigo de extinción".

Nestas chaves explica a súa postura para as eleccións do 23-X: "Os que fomos nacionalistas e sempre o fomos, e nunca deixamos de selo, aínda que en etapas determinadas adoptásemos opcións tácticas heterodoxas respecto da ortodoxia dominante, se consideramos que os nacionalismos tanto vasco como galego non só resistiron, senón que progresaron —aí vese que a cuestión nacional é un antídoto moi importante que funciona moito máis que a visión de clase fronte ao fascismo—, o que teño que facer é situarme aí".

"Nunca falei mal de Yolanda Díaz [...] Deséxolles moi boa sorte, lucidez e serenidade, e que enfunden as navallas"

Beiras saudou o acordo entre as esquerdas "españolas", opción política que non é a súa actualmente. "Nunca falei mal de Yolanda [Díaz], negueime. Non lle dou munición ao meu inimigo principal", advertiu, en relación ás análises políticas que o mencionan actualmente a raíz do proceso negociador de Sumar e Podemos. "Deséxolles moi boa sorte, lucidez e serenidade, e que enfunden as navallas, cando menos, até dentro de dez anos. Uns e outras, non é só un individuo, é do colectivo", sentenciou.

Beiras carga contra a "plutocracia financeira", contra a verdadeira "sedición" que atribúe ao bloqueo que houbo de renovación do poder xudicial e advirte da "fábrica de estupefacientes" para a cidadanía da man das fake news. Así, rememorou a "chantaxe" a José Luís Rodríguez Zapatero para sinalar que Pedro Sánchez, "a diferenza" de manterse no poder como entón fixo o presidente socialista —o que o levou a practicar os recortes—, convocou eleccións: "Non sei se aprendeu a lección ou porque é outro temperamento, pero o que fixo foi dicir que os cidadáns decidan que políticas queren".

"É necesaria unha ofensiva e sacarlles a careta, e dicirlles aos cidadáns que aquí o perigo está no monstro do fascismo, que é o representante político ideolóxico das grandes oligarquías financeiras e mediáticas, que son totalitaristas e que queren acabar por completo con calquera réxime democrático", declarou.

"O BNG ten que ser consciente de que o gran salto que tivo nos últimos anos foi polo desastre de En Marea"

En referencia a En Marea, Beiras afirmou que "se desgraciou por culpa de En Marea, non dos votantes de En Marea". "Esa é a responsabilidade que temos e non me boto fóra, malia que eu fixen o imposíbel por evitalo", manifestou. Mais á pregunta de se considera que a irrupción desta opción política que aglutinou durante unha década unha pata nacionalista coa esquerda federal contribuíu a aumentar a 'conciencia nacional', responde cun "si" rotundo. "Si, si o fixo, fixo que moitos cidadáns que votaban opcións de ámbito estatal, na medida que recoñecían os dereitos nacionais da Galiza, primeiro votaron AGE e logo mareas municipais, e logo En Marea", asegurou.

Así, valorou que isto fixo que moitos cidadáns pasasen "a fronteira", o cal permitiu tamén ao BNG a súa suba. "O BNG ten que ser consciente de que o gran salto que tivo nos últimos anos foi polo desastre de En Marea, que foi consecuencia primeiro das disputas dentro dos órganos de dirección de En Marea, mesmo polos propios indíxenas, e da traizón do incumprimento dos acordos da esquerda federal con Unidas Podemos nas Cortes".

"Pero debe de ser consciente de que ese voto foi o que lle deu o salto: pasou de votar En Marea a votar BNG, o que demostra que era voto nacionalista, non era voto españolista; se non votarían o PSOE ou Unidas Podemos", insistiu Beiras, quen dixo que "non é o momento" de abordar esta cuestión: "Eu nunca fago axuste de contas e mira que levei hostias, eh!".

Comentarios