Martiño Noriega volve á fronte de Anova para rearmala ante as eleccións municipais

Berias ocupará un posto na dirección sen tarefas executivas e a edila viguesa Oriana Méndez será coencargada de relacións políticas

O ex rexedor de Teo e Compostela e líder de Anova, Martiño Noriega, é candidato ao Parlamento.
photo_camera O ex rexedor de Teo e Compostela e líder de Anova, Martiño Noriega, é candidato ao Parlamento.

O que fora alcalde de Santiago entre 2015 e 2019, Martiño Noriega, volveu colocarse á fronte de Anova, a organización que impulsou, entre outros, o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras após a saída do BNG en 2012, xunto con quen xa compartiu a portavocía nacional en 2014. Con este movemento, a formación nacionalista busca reactivarse após a dimisión de Antón Sánchez coa mirada posta nas municipais de 2023.

Beiras, que en días pasados afirmou que aos seus "86 anos sería case grotesco calquera participación activa ou protagonista" en política, acompañará, no entanto, na Comisión Permanente (o equivalente á dirección dun partido 'clásico') ao quen recibiu a etiqueta de fillo político pero sen tarefas executivas.

Anova celebrou este sábado unha Coordinadora Nacional -o máximo órgano de decisión entre asembleas- na que nomeou unha Comisión Permanente (o equivalente a unha executiva dun partido clásico) con Martiño Noriega como portavoz nacional.

Noriega despediuse da primeira liña de batalla política após o fracaso nas autonómicas de 2020 da coalición Galicia en Común, que encabezou Antón Gómez-Reino (Podemos). Esta alianza derivou da extinta En Marea (que renunciou a competir no mesmo espazo após a separación de boa parte do seu capital político) e, á súa vez, deveu do primeiro experimento que supuxo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en 2012, no que foron protagonistas Beiras e a agora vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e lograron irromper con 9 deputados no Parlamento.

No últimos tres anos, o de novo portavoz nacional de Anova, que tamén foi alcalde de Teo (entón co BNG, organización que deixou en 2012), retomou a súa carreira como médico de familia, primeiro nun centro de saúde en Noia e agora na capital compostelá, a cal, segundo dixeron as fontes consultadas, manterá como dedicación profesional.

O paso que dá despois de que o ex deputado autonómico Antón Sánchez decidise deixar a portavocía nacional enmárcase nun contexto preelectoral para as municipais de 2023 nas que Anova buscará reforzar a súa representación, manter os apoios en candidaturas municipalistas nas que xa participa e tender pontes co espectro da esquerda e o PSOE, en función de cada concello.

 

 

"Distancia" con Sumar

Aínda que se mantivo apartado da primeira liña, Noriega participou en abril deste ano nun encontro privado, xunto ao tamén ex alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, coa vicepresidenta segunda do Goberno, cando aínda non se lanzara a plataforma 'Sumar' pero xa se falaba do proceso de 'escoita activa' para promover unha candidatura para as xerais.

Con todo, fontes de Anova aseguran que a organización se mantén "distante" coa plataforma de Yolanda Díaz, que si ten contactos estreitos con varias mareas municipalistas --como as que encabezan ou protagonizaron os seus ex compañeiros de Esquerda Unida Rubén Pérez (Vigo) e Jorge Suárez (Ferrol)--.

Ademais, unha das persoas que compartiu goberno local co propio Noriega, a actual portavoz municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, é un das persoas chave que colaborou e participa no impulso da plataforma Sumar. Con todo, ela quixo publicamente desmarcar esta implicación do partido local -que non se posicionou sobre un apoio a ese proxecto estatal- e cinguiuno a "título individual".

 

 

Nova dirección

Así as cousas, Anova se rearma con unha das caras que xa estivo á fronte da organización, como coportavoz con Xosé Manuel Beiras, quen ocupará un posto na permanente cunha función máis simbólica e sen tarefas concretas. Noriega, tal e como se decidiu na Coordinadora deste sábado, estará acompañado da concelleira de Marea de Vigo Oriana Méndez na área de relacións políticas, unha área que tratará de tecer redes de apoios e posíbeis alianzas no plano electoral.

Miguel Anxo Fernán Vello (Comunicación), Iria Otero (Finanzas), Antonio Negreira (Municipalismo), Antía Comesaña (Organización) e Iván Rodríguez (Servizos Públicos e Movementos Sociais) son outros nomes que comparten tarefas 'executivas'.

Con este paso dado á fronte de novo por Noriega, que (polo menos polo momento) manterase á marxe da política institucional, Anova reaviva o panorama nacionalista que, actualmente, ocupa de forma hexemónica o BNG no Parlamento despois de lograr situarse como segunda forza política cos seus dezanove escanos.

 

 

"Reactivar un dique"

"Nestes tempos excepcionais de continuo recorte de liberdades, en que a chegada da extrema dereita aos gobernos é algo máis que unha ameaza, é necesario reactivar un dique de contención republicano e democrático que teña o corazón abaixo e á esquerda do noso país", manifestou Noriega.

Así, defendeu que Anova "representa un discurso soberanista alternativo aos existentes e ten un patrimonio humano no político que non pode permanecer desactivado ante os retos que, como sociedade, están por diante".

Para Noriega, é preciso "abandonar a queixa de que ningún espazo político da esquerda está a impugnar o estado actual das cousas". "Se nós e a maioría social agredida non o facemos, non o fará ninguén", sentenciou.

Comentarios