Opinión

Manifesto particular ou 'oficio profano de defuntos'

Estamos nunha situación límite, como cidadáns e mais como povo e nación. Como cidadáns, nun acelerado proceso regresivo de reconversión en súbditos no canto de seres humáns libres e titulares de innatos dereitos cívicos e políticos. E como povo galego titular de soberanía política, con identidade, historia e cultura propias e xenuinas, nun letal proceso de extinción, que está por ver se resultará reversíbel.

As institucións do actual rexime de autonomía formalizado no Estatuto de Galicia de 1981, ocupadas durante trinta e catro dos seus corenta anos de existencia por forzas reaccionárias españolas, equivalentes ás que secularmente negaron e combateron a nosa existencia como povo, no canto de funcionaren como unha ferramenta do autogoberno polo que levan loitado os nosos ancestros dende a Revolución de 1846 en diante e mais as xeracións que combateron baixo o franquismo, teñen operado en realidade, disfrazadas de autónomas, como seudópodos do poder do Estado opresor ao servizo dos seus intereses, antitéticos dos da cidadanía galega.

Galiza está hoxe moito pior ca hai corenta anos, tanto no plano económico canto no sociolingüístico, no ecosistémico, no sociopolítico e até no alarmantemente regresivo demográfico

Os resultados dese proceso, exacerbado durante os dous últimos lustros até baleirar virtualmente de contido as potestades do Estatuto, son palmariamente evidentes: Galiza está hoxe moito pior ca hai corenta anos, tanto no plano económico canto no sociolingüístico, no ecosistémico, no sociopolítico e até no alarmantemente regresivo demográfico. Recrudeceuse o síndrome colonial e tornouse en sistemático espólio de recursos -enerxéticos, financeiros, mineiros, mariños, forestais-, de forza de traballo -emigración e sobrexplotación, exterminio do campesiñado-, de capital social básico (CSB) -primordialmente na desertización da Galiza rural-, ademáis de destrución ou alienación de tecido produtivo industrial, ruína do sistema agrario con conversión a monte e eucaliptización das terras de labramio e, por riba, sistemáticos ecocidio e etnocidio. O dito: un povo en proceso de exterminio e unha nación en vías de extinción.

Fronte a esa traxedia, as forzas políticas propias do noso país, que durante os dous derradeiros decenios do pasado século XX plantarámoslle cara aos poderes coloniais  e proxectaramos na instancia política as enerxías dunhas clases populares que non deixaran de loitar, en troques, a partir da tornavolta do novo século non soubemos tampouco estar á altura. Unhas, acomodáronse ao perverso xogo institucional do rexime autonómico esquirol, desbaldiron o patrimonio político e simbólico anteriormente acumulado e fecharon nunha gaveta o proxecto estratéxico de emancipación nacional e social, que esixía manter o norte na superación do rexime español de IIª Restauración. E fixérono mesmamente cando estaba a comezar o proceso de rebelión cívica fronte a ese rexime, que na Galiza madrugara coa revolta popular de Nunca Máis no outono do 2002.

Non todos os tangaraños de raigaña política que está a padecer arestora o povo galego son culpa dos poderes coloniais que o aferrollan: tamén as forzas políticas galegas, nós incluídos, temos responsabilidades niso

Outras, como Anova-IN, que si que sintonizamos con esa rebelión, operándomos como motores auxiliares da loita protagonizada pola cidadanía do común, e formulamos unha fronte ampla para abranguer a diversidade interna das clases populares -traducida primeiro na AGE, logo nas Mareas municipais e ao cabo en En Marea- cometimos erros irreparábeis na necesaria combinación do combate institucional coa loita social, calculamos mal a fiabilidade de determinados aliados tocantes á asunción do proxecto estratéxico, non soubemos gobernar a xeito a contradición nacional na acción conxunta con forzas da esquerda española -ao cabo desleais- nas Cortes do estado, e finalmente non fomos quen de coutar os desencontros, primeiro, e liortas, despois, entre sectores e cadros políticos membros do 'aparato' de En Marea e dos seus grupos parlamentares: ao cabo perdemos a credibilidade inicial e defraudamos o ilusionado voto de confianza outorgado ao noso proxecto por máis de catrocentos mil eleitores en decembro do 2015. Compre recoñecelo con clareza, porque non todos os tangaraños de raigaña política que está a padecer arestora o povo galego son culpa dos poderes coloniais que o aferrollan: tamén as forzas políticas galegas, nós incluídos, temos responsabilidades niso.

Na contorna estatal, o malnacido rexime da IIª Restauración -borbónica- está podre de todo, como estadio culminante do involutivo proceso de descomposición encetado a mantenta dende as institucións do propio rexime durante o periodo do azanarato (1986-2004), acelerado pola presión da rebelión cívica durante os tres primeiros lustros do novo século, agravado pola grande recesión desencadeada pola crise do sistema financeiro mundializado no 2008 e convirtido de facto en ditadura oligárquica por unha maioría absoluta reaccionária e corrupta durante o mandato de Rajoy (2011-2018). Déuselle a volta polo forro á Constitución fundacional do propio rexime, canceláronse na prática os seus primordiais contidos garantistas verbo de dereitos democráticos, sociais e laborais, reducíuse a cinzas a maioría das normas dos seus fundamentais Titulos I (dereitos e liberdades dos cidadáns) e VIII (autonomías), e até se amputou a soberanía das Cortes coa alevosa reforma do art. 135, convirtindo o estado español nun ente máis semellante a un protectorado da UE ca un estado soberano membro dela. A  aplicación á Generalitat de Catalunya dunha retorta e abusiva interpretación do art. 155 consumou a imposición dun enmascarado 'estado de excepción' ao povo catalán e o  aberrante procesamento e condea  de líderes independentistas polo cumplimento dos seus compromisos democráticos contraídos cos seus eleitores.

Na actualidade, pódese considerar que o estado español é un auténtico estado fallido, inmerso nun proceso de fascistización que infecta con gangrena a mesma sociedade civil. A cúpula do poder xudicial é golpista, a ideoloxía e as práticas fascistas inzan nos corpos encarregados da 'orde pública', o partido das dereitas alternante nos governos durante o longo período do bipartidismo (1982-2015) practica unha caste renarte de sedición contínuada, en cópula incestuosa con potentes segmentos dos poderes mediáticos, e entre todos eles alentan e fornecen de recursos, estupefaciente e megafonía o resistíbel ascenso do Arturo Uí  de arestora, encarnado no partido neonazi que xa é terceira forza no Congreso e controla os governos de varias autonomías, a empezar polas moi importantes de Andalucía e Madrid.

O governo de coalición PSOE-UP, nado da moción de censura do 2018 e corroborado nas eleicións do 2019, co xeneroso e sacrificado apoio dos partidos autóctonos das nacións-sen-estado, áchase en virtual 'estado de sitio': non ten arrestos para plantarlles cara á plutocracia e demáis oligarquías económicas, domésticas e transnacionais

Fronte a esa angueira de sistemática subversión do suposto Estado democrático e social de dereito definido na letra da Constitución de 1978, o governo de coalición PSOE-UP, nado da moción de censura do 2018 e corroborado nas eleicións do 2019, co xeneroso e sacrificado apoio dos partidos autóctonos das nacións-sen-estado, áchase en virtual 'estado de sitio': non ten arrestos para plantarlles cara á plutocracia e demáis oligarquías económicas, domésticas e transnacionais, nin para pór no seu sitio o Poder Xudicial, nin para depurar de saboteadores os corpos da alta administración, nin para procesar nin sequer investigar nas Cortes por delitos comúns ao corrupto monarca empoleirado na xefatura do estado polo franquismo, de nome Juan Carlos de Borbón, actualmente fuxido e refuxiado nun emirato reaccionário ad hoc.

Os avances logrados así e todo por ese governo, maiormente por iniciativas de UP e dos nacionalismos 'periféricos', con normas e medidas beneficiosas para o común cidadán e as clases traballadoras en dereitos democráticos, sociais e laborais, son con frecuéncia saboteados polas forzas fascisto-reaccionárias coa decisiva e ilexítima colaboración das altas instancias dun  poder xudicial botado ao monte, ou por governos autónomos desleais coa cidadanía, e mesmo nestes últimos tempos resultan ás veces enervados polos poderes acourazados dunha plutocracia e unhas oligarquías económicas que non reparan en provocar fenómenos como a inflación para reducir a cinzas as milloras acordadas pola acción do governo nas condicións materiais e sociais de vida das clases traballadoras.

A cultura civica antifascista está virtualmente borrada do noso actual mapa ideolóxico e político

A Historia non se repite, mais reproduz intermitentemente situacións e episodios análogos a outros anteriormente acontecidos dos que compriría aprendermos para evitarmos erros tamén análogos aos de outrora, e as xentes da esquerda e dos nacionalismos emancipadores deberamos prestar máis atención ao acontecido durante a xeira da República de Weimar alemá, e tamén da IIª República española, e os seus tráxicos desenlaces. Mais a cultura civica antifascista está virtualmente borrada do noso actual mapa ideolóxico e político, e a cidadanía que durante tres lustros protagonizara os combates propulsores da creba do bipartidismo e a caída do obsceno governo Rajoy, está maiormente desmobilizada, ou alienada polo consumo de 'estupefaciente' ideolóxico, ou confinada en mobilizacións fragmentárias, sectoriais e inconexas, como illas dun arquipélago nun oucéano social contaminado e infectado: algo terá que ver con iso o auto-encerro das forzas progresistas no gueto institucional do rexime e a paulatina conversión das inicilamente rupturistas nunha a xeito de nova caste política, metamorfose  da outrora denunciada por elas mesmas.

As dinámicas da andaina do sistema-mundo neste mesmo período, e en particular da kafkiana UE, lonxe de favoreceren as loitas do común cidadán fronte á descomposición e deriva involucionista das institucións do rexime español, tanto no eixo dos conflictos de clase canto no das cuestións nacionais, aínda viñeron empiorar as condicións nas que  estaban a se desenvolver esas loitas. Dos dous desenlaces antitéticos que podían ter, quer dicir, que a presión ascendente da loita do común dése lugar a unha creba democrática do rexime borbónico, ou que os poderes oligárquicos, tanto domésticos coma internacionais e situados tanto dentro coma fóra das institucións políticas estatais e supra-estatais, afogasen a rebelión cívica e impuxesen formas despóticas e subrepticiamente neofascistas de opresión sobre a cidadanía, todo semella indicar que é o segundo deles o que arestora está a se impór.

O primeiro indicio foino a reacción dos poderes políticos da metrópole imperial e os seus satélites a raíz do 'infarto de miocardio' do corazón do sistema circulatorio do Minotauro global no 2008, que no canto de sancionaren aos culpábeis do desastre e protexeren á cidadanía vítima deles, fixeron o contrario: claudicaron perante o poder financeiro 'globalizado' e carregáronlle a lousa da crise ao lombo das xentes todas do común do sistema. A consecuencia foi o advenimento dunha grande depresión exacerbada por políticas reaccionárias que aceleraron a concentración do capital e agravaron o empobrecemento e desamparo das clases traballadoras e mais todo o común cidadán. Aínda non deramos saído dese imenso illó cando unha mortífera pandemia remataría de pór patas arriba ese mundo distópico do capitalismo salvaxe mundializado, e a ameaza do cambio climático tornaríase en perigo imediato dun desastre ecosistémico universal anunciado pola voracidade depredadora da súa irracional barbarie cultural armada de tecnoloxías 'futuristas'.

O belicista expansionismo da OTAN -que debe considerar que o Atlántico Norte chega aos confíns do Báltico e mais do Mar Negro- ven de provocar uha reacción simétrica, e igualmente belicista, do actual governo da Rusia

E nestas estabamos cando o belicista expansionismo da OTAN -que debe considerar que o Atlántico Norte chega aos confíns do Báltico e mais do Mar Negro- ven de provocar uha reacción simétrica, e igualmente belicista, do actual governo da Rusia, provocando no corazón de Europa un conflicto armado do que a primeira vítima é o povo ucraíno, mais ponnos en perigo a todos, incluída a ameaza dunha apocalipse nuclear, recrudece a hexemonía ianqui sobre unha UE que muda de satélite en vasalo, e desencadea nas súas institucións políticas un belicismo suicida e unha deriva inquisitorial na que calquer análise racionalmente obxectiva convírtenos en indefensos reos de herexía que só podemos optar entre o destino dun Giordano Bruno queimado vivo na fogueira ou o inaudíbel eppur si muove dun Galileo Galilei.

Nada pode ter de solprendente, xa que logo, que perante ese avesío panorama e a virtual inanidade das organizacións políticas sobranceiras entre as autodefinidas como esquerdas, as xentes do común sexan presas da vertixe do nihilismo, que históricamente ten sido, e segue a ser, a pezoña ideolóxica vehicular do nazi-fascismo nas masas alienadas -como tan lúcidamente amostrara o profesor Paco Sampedro hai xa unha presada de anos en maxistral ensaio encol da 'violencia excedente': eis as súas pestilentes e desacougantes metamorfoses actuais -que na pell de brau celtibérica son en rigor metástases dun mortífero cancro nunca até agora erradicado dos órganos vitais da sociedade política. E velaí, ao cabo, a vertixe da que compre evitar sermos presa e, pola contra, combatermos coa lucidez, a valentía e mais a audacia de cidadáns e cidadás dispostas a plantarlle cara á besta coa teimosa resolución dos imprescindíbeis brechtiáns.

"Érguete, pelengrín!: o paxaro da morte está enriba de ti. Como en Irlanda, érguete e anda!"

Só a reactivación e reorganización dunha rebelión cívica, xenerosamente solidária e clarividentemente orientada cara o alvo da propria emancipación, poderá escachar os muros de cristal blindado das prisións da miseria nas que os ignaros poderes exterminadores nos teñen choídas ás xentes todas do común. E venme neste punto ás mentes a estampa de Castelao na que un avurte está pousado encol da figura dun home estomballado no chan, e mais o seu pé que, integrando nel unha famosa exhortación de Brañas, dicía así: Érguete, pelengrín!: o paxaro da morte está enriba de ti. Como en Irlanda, érguete e anda!.

Xosé Manuel Beiras Torrado

Reboraina de Aguiar, 25 de abril do 2022, corenta e oito aniversário da Revoluçâo dos Cravos portuguesa.

                     

Comentarios