BNG, Partido Barbanza Independente e PSdeG fechan un acordo que dá a Alcaldía de Ribeira ao nacionalista Luís Pérez

“Para cumprir coa promesa de propiciar un cambio político en Ribeira é obriga destes grupos dar cumprimento á vontade da veciñanza explicitada nas urnas”, indican no acordo.
Luís Pérez, no centro, esta quinta feira após o acordo que o leva á Alcaldía (Foto: Nós Diario).
photo_camera Luís Pérez, no centro, esta quinta feira após o acordo que o leva á Alcaldía (Foto: Nós Diario).

“Nas eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio do ano 2023, a veciñanza de Ribeira amosou de maneira clara e contundente a súa vontade para un cambio de goberno. As veciñas e veciños concederon ao BNG 2.982 votos e 5 edís; ao PBBI, 2.794 votos e 5 edís; ao PSdeG-PSOE, 982 votos e 1 edil. A suma destas forzas políticas representan a máis de 50% do electorado de Ribeira”.

Así comeza o acordo de Goberno entre BNG, Partido Barbanza Independente (PBBI) e PSdeG que, segundo o acordo, fará a Luís Pérez, o candidato nacionalista, alcalde da localidade.

“Para cumprir coa promesa de propiciar un cambio político en Ribeira é obriga destes grupos dar cumprimento á vontade da veciñanza explicitada nas urnas”, indican no acordo.

“Vontade de colaboración”

Para alén diso acrecentan que “as persoas que asinamos este documento, en representación das nosas respectivas forzas políticas, manifestamos a nosa vontade de colaboración honesta, leal, transparente e comprometida co interese xeral do pobo ribeirense. Unha colaboración que permita a constitución dun novo Goberno municipal que represente de maneira proporcional o mandato da veciñanza e que teña na unidade, a lealdade e a confianza mutua entre as forzas que o compoñen os seus piares básicos”.

Así, o primeiro punto do acordo asinado esta quinta feira, explicita a intención de “apoiar a investidura do alcalde do BNG que ostentará todas as atribucións, representación institucional, negociación con outras administracións e obrigas establecidas na lexislación vixente”.

Ademais, as tres formacións asinantes acordan “formar parte do grupo de goberno e traballar conxuntamente mantendo contacto e traballo permanente co equipo de goberno e, con carácter xeral, cando menos unha reunión semanal para abordar as cuestións do goberno municipal”.

“Con este acordo, póñense os alicerces para que Ribeira conte cun goberno que traballe pola prosperidade do municipio, a participación da veciñanza e a xustiza social”, engaden no acordo.

Comentarios