A Xunta electoral adía a constitución das corporacións locais do partido xudicial de Noia

Por mor dun recurso, finalmente rexeitado, interposto polo PSOE. Afecta os concellos de Noia, Mazaricos, Outes, Lousame, Porto do Son, Muros, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal. Tanto nestes municipios como en Corcubión, onde está en disputa un só voto que sería chave na corporación, deberán agardar ao 7 de xullo para designar os seus respectivos alcaldes e alcaldesas.
Casa do Concello de Noia
photo_camera Casa do Concello de Noia.

A constitución das corporacións locais de Noia, Mazaricos, Outes, Lousame, Porto do Son, Muros, Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal terá que agardar até o vindeiro 7 de xullo e non será, como na meirande parte dos concellos do país, este sábado, como estaba previsto. Así vén de decretalo a Xunta Electoral de Zona de Noia a través dunha resolución, asinada ás 15 horas desta quinta feira, á que tivo acceso Nós Diario.

A decisión vén motivada pola admisión dun recurso interposto polo PSdeG-PSOE, que solicitaba o reconto dos votos nulos en todas as mesas electorais do partido xudicial de Noia, pois estaba en xogo o segundo deputado provincial que outorga e que recaeu no BNG por unha diferenza de só 11 votos —o primeiro foi para o PP—. O recurso chegou esta mesma mañá aos xulgados de Noia após ser rexeitado pola Xunta Electoral Central, o que imposibilitou finalmente a convocatoria das sesións constitutivas para este sábado por unha cuestión de prazos, pois agora os socialistas teñen a posibilidade de presentar outro recurso contencioso-administrativo —malia que xa desbotaron esta opción—.

Esta decisión colleu por sorpresa os nove concellos afectados, pois xa estaban xa estaban chamados a tomar posesión e escoller as novas alcaldías os edís electos o pasado 28 de maio, nunhas sesións plenarias xa convocadas para o sábado.

Precisamente esta quinta feira o BNG, o PSdeG e o Partido Barbanza Independente selaban un pacto de goberno que sitúa á fronte o nacionalista Luís Pérez Barral, sumando así un total de 11 escanos que outorgan a maioría fronte aos 10 do Partido Popular, cuxo candidato, o aínda alcalde Manuel Ruiz Rivas, deixará o consistorio para concorrer como candidato o próximo 23 de xullo.

Corcubión, no ar por un só voto

Tamén no concello de Corcubión deberán agardar até o 7 de xullo para constituír a nova corporación local, pois a Xunta electoral de zona decretou tamén esta quinta feira o adiamento da sesión inaugural do novo período por estar aínda pendente de aceptación o recurso presentado polo Partido Autónomo de Corcubión (Pacor) demandando a impugnación dun único voto.

Ese sufraxio sería decisivo para que o Pacor, que alega que a papeleta, a favor do PP, estaría pintada con rotulador e, en consecuencia, sería nula. Ao abeiro da Lei d'Hondt, a perda dese voto outorgaría á formación demandante un escano que lle permitiría entrar no consistorio en detrimento dos populares, que quedarían cun único edil.

En Corcubión venceu o BNG con catro escanos, seguido de PSOE e PP, con dous —un deles o que está en disputa—, e Candidatura de Xestión Municipal, con un. Sen acta, con 92 sufraxios, ficou o Pacor.

Comentarios