A Xunta Electoral ordena repetir as eleccións en Castro Caldelas após non se contaren 118 votos

A alcaldesa de Castro Caldelas conseguira a maioría absoluta o pasado 28 de maio por unha marxe de 27 papeletas, pero asegura que os socialistas "non van permitir que se secuestren os votos de ninguén".
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral Central (XEC) ordenou repetir as eleccións municipais no municipio de Castro Caldelas porque "non se mantivo a cadea de custodia" dun total de 118 votos emitidos por correo que non se contaron.

Así o confirmou a alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Vega, despois de varios recursos cruzados entre o PSdeG-PSOE e o PP ante a Xunta Electoral de Zona, que neste caso é a da Pobra de Trives.

O día da votación, explica a alcaldesa, que seguirá en funcións até as novas eleccións, a Xunta Electoral de Zona mandou, tras impugnacións dos populares, apartar e non remitir ás mesas eses votos despois da polémica por suposta fraude nunha residencia de anciáns da localidade.

Agora, tras o recurso do PSdeG-PSOE, a Xunta Electoral Central emitiu unha resolución firme que ordena a repetición destes comicios -aínda se descoñece a data- porque "non se mantivo a cadea de custodia" destes sufraxios.

A alcaldesa de Castro Caldelas conseguira a maioría absoluta o pasado 28 de maio por unha marxe de 27 papeletas, pero asegura que os socialistas "non van permitir que se secuestren os votos de ninguén", a pesar de que a Xunta Electoral de Zona adoptara aquela decisión con "boa vontade".

“A eleccións imos”

"Se a solución é repetir eleccións, a eleccións imos", engade Vega, tras reflexionar sobre a importancia de dar aos veciños "o dereito a que se expresen".

E é que, tal e como afirma, "non se pode secuestrar o voto" de 118 persoas que, nunha localidade de algo máis de 1.000 habitantes, "é moita xente" e pode determinar o resultado.

Esta polémica parte dunha suposta fraude de voto por correo nunha residencia de anciáns do municipio. A Xunta Electoral de Zona trasladara ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Pobra de Trives o caso e devolvera a catro maiores do centro o dereito para votar en urna.

Comentarios