28-M

Investigan unha presunta fraude electoral nunha residencia de Castro Caldelas

A Xunta Electoral remitiu aos Xulgados unha incidencia notificada por Correos e anulou os votos emitidos por catro residentes. En total, 52.469 galegas e galegos votaron por correo, o que se traduce nunha caída de 16% a respecto de 2019.
Traballadora de Correos (arquivo/EP).
photo_camera Correos alertou da incidencia. (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral de Zona vén de trasladar ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Pobra de Trives (Terra de Trives) unha suposta fraude no voto por correo nunha residencia de anciáns situada na localidade de Castro Caldelas. As incidencias foron reportadas por Correos, e após unha reunión decorrida esta pasada quinta feira, os membros da Xunta decidiron anular eses votos.

Ademais, segundo a documentación á que tivo acceso a axencia Europa Press, após constatar posíbeis irregularidades no voto por correo, a Xunta Electoral, por acordo unánime, decidiu devolver a facultade de votar en urna este próximo domingo a catro maiores deste centro, dado que xa non é posíbel exercer o dereito por correo. Tamén solicitou á empresa pública toda a documentación deste caso e trasladou unha notificación á dirección da residencia.

Notificación de Correos

A Xunta Electoral recibiu de Correos un escrito no que se informaba da incidencia, aínda que a sociedade estatal declinou, polo de agora, proporcionar información por respecto á investigación en marcha para determinar se se puido producir un delito. Pola súa parte, o PP impulsou tamén unha denuncia por infracción da normativa electoral. Os populares inciden en que, sen prexuízo de apreciarse un aumento significativo de solicitudes de voto por correo nun municipio de pouco máis de 1.000 habitantes, cunha idade media que supera os 56 anos, tiveron coñecemento da actuación de Correos.

Os populares apuntan que, segundo a información da que dispoñen, non se procedeu "á identificación persoal e directa" do suposto votante solicitante do voto por correo nin tampouco ao momento da entrega da documentación para a formalización do devandito sufraxio. O foco ponse na oficina de Correos situada na localidade de Castro Caldelas e, de feito, os populares instaron a Xunta Electoral a reclamar á devandita oficina todos os datos sobre o sucedido en relación coa tramitación de solicitudes de voto por correo.

A formación conservadora advirte que, para evitar a necesidade de "reclamación e impugnación" das mesas ás que deberían levar os votos tramitados desde a oficina de Castro Caldelas, así como as súas actas e resultados, procede "garantir a integridade das devanditas mesas por medio da custodia dos votos por correos tramitados" desde a mesma e que "non se introduzan na urna" o domingo, até que se dirima a súa validez.

Para os populares, esta medida non xera "ningún risco de perda de votos válidos" posto que, coñecendo á mesa que van destinados e o resultado do escrutinio das mesas sen eses votos pola acta que se levante o domingo, "o resultado final podería alcanzarse coa apertura e contabilidade dos votos por correo custodiados, se estes fosen validados", unha opción que pon en dúbida.


Case 52.500 persoas votaron por correo

Un total de 52.469 persoas votaron por correo na Galiza para nas eleccións muncipales do próximo 28 de maio —16% menos que en 2019, segundo os datos facilitados esta sexta feira por Correos. Formalizaran a súa petición un total de 55.179 persoas, malia que non se materializaron todas. Aliás, aceptouse o voto de 103 galegos e galegas que residen temporalmente no estranxeiro. Do total de votos emitidos por correo, 18.460 correspóndense coa circunscrición da Coruña; 8.941, coa de Lugo; 9.201, coa de Ourense, e 15.867, coa de Pontevedra

Comentarios