Hermerico. O fundador do reino da Gallaecia (409-438)

A finais do século IV, Roma constituía un basto imperio que se espallaba desde as terras baixas de Escocia até os confíns de Siria e Exipto, acollendo baixo o seu goberno a máis de 60 millóns de persoas. A pesar das súas dimensións, o dominio da cidade do Tíber atravesaba entón unha forte crise política marcada pola división interna e as constantes ameazas nas fronteiras do Imperio. Ás intrigas dos poderosos e á fenda entre Occidente e Oriente uníase o espallamento do Cristianismo fronte as tradicionais crenzas romanas.

Perseguido durante séculos, o Cristianismo finalmente foi convertido na relixión oficial do Imperio a través do Edicto de Tesalónica, o 27 de febreiro do ano 380. Pouco tempo despois, no ano 395 o mesmo emperador decidiu dividir definitivamente o Imperio en dúas metades: a occidental, con capital en Roma, e a oriental, con capital en Bizancio (actual Istambul, Turquía).

Hermerico nunha representación do 'Corpus pelagianum' do século XII. (Foto: Biblioteca Nacional de Francia)
photo_camera Hermerico nunha representación do 'Corpus pelagianum' do século XII. (Foto: Biblioteca Nacional de Francia)

A división non só non logrou pór fin á decadencia romana senón que trouxo consigo o debilitamento do poderío militar imperial, especialmente na súa parte occidental. Alí situábase a fronteira (limes) máis militarizada do Imperio romano de Occidente, a do Rin. Este río constituíu durante décadas unha fronteira natural fronte os constantes ataques dos pobos que habitaban a Germania libre de dominio romano, ao leste do Rin. Unhas xentes que malia as súas diferenzas eran consideradas todas elas polos romanos como barbarii (“bárbaros”).

Porén, a falta de efectivos militares e a propia conxelación do Rin no inverno do ano 406, semella que puideron ser o motivo de que numerosos pobos xermánicos atravesasen o río o 31 de decembro dese mesmo ano e se internasen nas ricas terras romanas sementando o caos nelas. A entrada de milleiros de “bárbaros” e o seu avance pola Galia, un dos principais territorios romanos, puxo en xaque as autoridades imperiais durante varios anos. Lonxe de estar comandados por un único grupo ou líder, a composición deste continxente humano era tremendamente diversa. Entre eles, atopábanse os alanos, orixinarios do Cáucaso, así como os vándalos silingos e os vándalos asdingos, estes últimos comandados desde o 407 polo seu rei Gunderico. Para alén destes e outros, tamén se atopaba un grupo de pobos ben coñecido por Roma: os suevos.

Os suevos

Orixinarios das antigas terras do norte de Germania, próximas ao Báltico, os suevos lograran asentarse nos séculos anteriores ao longo das fértiles terras ao norte dos Alpes, nunha rexión que aínda hoxe recibe o nome de Suabia (Schwaben, actual Alemaña). Neste territorio próximo ao Imperio foi onde os suevos entraron en contacto cos romanos e onde acabaron formando unha auténtica “confederación bárbara” disposta a se internar no débil Imperio romano de Occidente e instalarse nel. Compostos á súa vez por diferentes grupos (cuados e marcomanos), a documentación da época coincide en que entre os anos 407 e 409, os suevos, xunto alanos e vándalos saquearon a Galia até que, finalmente, puxeron rumbo ás provincias romanas ao sur dos Pireneos.

En territorio ibérico, esta poderosa confederación de pobos aproveitou a guerra civil que entón enfrontaba a Máximo, Constante II e Honorio polo control do Imperio e conseguiron instalarse no territorio peninsular. Deste xeito, os alanos pasaron a gobernar a provincias da Lusitania e da Cartaxinense, mentres que os vándalos se asentarían en diferentes provincias: os vándalos silingos na Bética e os vándalos asdingos na Gallaecia oriental. Pola súa parte, os suevos, liderados entón polo seu rei Hermerico, instaláronse no occidente da provincia da Gallaecia e asumiron o seu goberno co beneplácito romano.

A Gallaecia do século V

A Gallaecia do século V era entón unha das provincias romanas máis dinámicas e extensas do Imperio romano de Occidente, pois abarcaba todo o noroeste peninsular desde Fisterra até as proximidades da actual Rioxa. Na súa parte occidental destacaban notábeis cidades como Lucus Augusti (actual Lugo), Asturica Augusta (actual Astorga), así como a capital de toda a provincia, Bracara Augusta (actual Braga). Tradicionalmente rica en recursos marítimos e mineiros, especialmente auríferos, a Gallaecia de entón contaba cunha ampla rede viaria e unha administración imperial que respectara a identidade dos diferentes pobos galaicos, ástures e cántabros -entre outros- que habitaban a provincia.

Berce de emperadores romanos como Teodosio ou Magno Máximo, a Gallaecia dos séculos IV e V foi, sen dúbida, unha provincia fortemente integrada nas estruturas imperiais. Da man da administración romana, o latín abriuse paso nas grandes urbes do occidente galaico, máis romanizadas, e mesturouse coas falas autóctonas, de filiación céltica, iniciando o camiño cara a unha nova lingua: o galego. Da mesma maneira, coa romanización, os cultos autóctonos deron paso a unha mestura ou sincretismo cos cultos pagáns romanos e, pouco despois, co cristianismo, relixión que acabou sendo oficializada en todo o Imperio e que prendeu fortemente na Gallaecia. Así o testemuña toda unha xeira de figuras eclesiásticas que, orixinarias da provincia, gozaron de gran relevancia no mundo cristián da época. É o caso da aristócrata Exeria, peregrina galega a Terra Santa e autora do Itinerarium Egeriae, ou de Prisciliano, líder -e mártir- dunha doutrina revolucionaria no seo da Igrexa romana. A eles, súmanse personaxes de grande erudición como o sacerdote e teólogo Paulo Orosio, así como o bispo de Aquae Flaviae (actual Chaves), Hidacio, autor do célebre Chronicon, unha das xoias da literatura latina altomedieval.

A fin do mundo romano

Porén, o mundo romano toca o seu fin na Gallaecia no ano 409. O acordo entre as autoridades romanas e Hermerico, rei dos suevos, concedeu a estes últimos a administración da Gallaecia baixo a obediencia ao emperador. Calcúlase que a migración dos suevos e a súa chegada á Gallaecia puido ascender até os 40.000 individuos, entre os que se atopaban xentes pertencentes a todo tipo de estratos sociais desde a alta aristocracia até servos. Asumindo a organización territorial romana, Hermerico asentou o seu trono na cidade de Braga, capital da provincia, e desde alí fundou o coñecido regnum suevorum (“reino dos suevos”) que co tempo acabou por ser coñecido co nome de Galliciense Regnum ou reino 
da Galiza.

O ascenso dos suevos, mais tamén a actitude permisiva e colaboracionista das autoridades romanas con eles, motivou unha sensación de abandono nos cidadáns romanos galaicos, especialmente naqueles cuxa vida estivera máis ligada ao poder imperial. Tal foi o caso do límico Hidacio, bispo de Chaves, para quen o ascenso dos suevos resultaba toda unha humillación e o triunfo do paganismo fronte a civilización romano-cristiá. Mais para alén do sentimento de abandono e traizón, a chegada dos “bárbaros” trouxo consigo un clima de inestabilidade despois de catro séculos de dominio romano. Moitos dos antigos castros da Gallaecia, aos que Hidacio se refería como castella tutoria, foron reocupados mentres que os Estados galaicos e as súas elites se reorganizaron fronte unha autoridade allea como era a sueva. As suspicacias entre uns e outros tiñan como pano de fondo as súas diferenzas: os galaicos, cidadáns até entón do Imperio, eran oficialmente cristiáns e as súas elites falaban latín; os suevos, considerados “bárbaros”, eran pagáns e falaban unha lingua xermánica.

O acordo entre as autoridades romanas e Hermerico, rei dos suevos, concedeu a estes últimos a administración da Gallaecia baixo a obediencia ao emperador

Para Hermerico −o novo gobernante da Gallaecia e rei dos suevos− a hostilidade inicial dos galaicos non representaba o único inconveniente. A rivalidade externa contra outros reis xermánicos e “bárbaros” comprometía o futuro do seu pobo e a súa estabilidade. Así, era o propio Hidacio quen manifestaba as súas impresións no Chronicon, ao recordar como os alanos mantiñan unha certa hexemonía sobre os vándalos e os suevos; unha hexemonía que perdurou até a morte do rei alano Ataces, asasinado polas tropas visigodas que Roma contratara para tal propósito. A morte do rei alano e, especialmente, o asentamento definitivo dos visigodos na provincia gala de Aquitania supuxo un novo marco de relacións ao sur dos Pireneos que axiña tensou as relacións entre os suevos e os vándalos. A propia hexemonía na Gallaecia levou a Hermerico e a Gunderico, rei dos vándalos asdingos a entrar en guerra. Así o refería no ano 419 o bispo de Chaves, Hidacio, ao recordar a confrontación dos suevos e vándalos nos coñecidos entón como Montes Nervasos. Identificados tradicionalmente entre os Ancares e os montes de León, Gunderico tomou a iniciativa no choque armado e cercou os exércitos de Hermerico no campo de batalla. Porén, as noticias desta confrontación axiña chegaron a ouvidos das autoridades romanas que preocupadas pola posíbel vitoria de Gunderico decidiron auxiliar o exército de Hermerico. Grazas á unión dos efectivos militares suevos e romanos finalmente Gunderico foi derrotado e forzado a abandonar a Gallaecia

O reinado de Hermerico

A partir dese momento Hermerico converteuse no único rei xermánico na Gallaecia mentres que os vándalos, liderados por Gunderico, conquistaron as provincias veciñas da Bética e da Cartaxinense. Finalmente, no ano 429, o sucesor de Gunderico, Xenserico, decidiu deixar atrás as provincias ibéricas e cruzar o Estreito de Xibraltar levando o seu pobo á Mauritania, onde os vándalos fundarían un próspero reino. 

A retirada dos vándalos de Xenserico tivo unha consecuencia inmediata no contexto peninsular e, especialmente, na política emprendida polos suevos, decididos a ampliar os seus dominios sobre aqueles territorios que abandonaran os vándalos. Neste contexto cobra valor a figura dun caudillo suevo chamado Hermigario ao que Hidacio sitúa ao sur da Gallaecia, na provincia da Lusitania, realizando saqueos na zona próxima a Emerita Augusta (actual, Mérida). Se ben Hidacio non aclara as orixes de Hermigario, parte da crítica historiográfica viu nesta figura un fillo de Hermerico, cando non a súa man dereita. Do que non hai dúbida, porén, é de que as ambiciosas campañas militares de Hermigario chegaron ao seu final de forma violenta, asasinado por tropas vándalas no ano 429.
Ao norte, na Gallaecia, a marcha de Xenserico e os vándalos deixou a Hermerico como o único rei xermánico no territorio peninsular: o último líder daquela confederación de pobos que se asentaran ao sur dos Pireneos vinte anos atrás. Con todo, a situación mudara e Hermerico e as elites militares suevas procuraron asentar definitivamente a súa autoridade fronte aqueles Estados galaicos que aínda non aceptaran o seu dominio. Así, no ano 430, a tensión entre ambos bandos acabou por desencadear unha campaña militar de Hermerico no interior da Gallaecia co propósito de someter algúns núcleos de resistencia. O resultado foi a captura e morte de numerosos efectivos militares suevos mais tamén a entrega de reféns da aristocracia galaica. Unha situación que forzaría a tregua entre ambos bandos. 

Se ben Hidacio non aclara as orixes de Hermigario, parte da crítica historiográfica viu nesta figura un fillo de Hermerico, cando non a súa man dereita

Porén, apenas uns anos despois, a tensión continuaba a estar moi viva entre galaicos e suevos, e no ano 431 retomáronse os choques bélicos entre ambos pobos. A guerra levou a numerosos Estados galaicos a pedir axuda a Roma e os seus exércitos. Con ese propósito o propio Hidacio, en calidade de bispo de Chaves, encabezou, no mesmo ano, unha embaixada netamente galega para denunciar as accións dos suevos na Gallaecia. A pesar do intento de inxerencia dos visigodos nestes asuntos, o destinatario destas queixas non foi outro que o dux Aetius, o xeneral romano ao que o Imperio romano de Occidente confiara a súa defensa. Recibidos por Aetius, a embaixada galaica logrou do dux romano o envío dun diplomático para mediar no conflito e negociar unha paz cos suevos: o comes (“conde”) Censorio. As xestións diplomáticas deron o seu froito, e no ano 433 o rei Hermerico subscribía a paz con todos aqueles Estados galaicos cos que mantiña a guerra. 

Malia que o propio Hidacio non rexistrou grandes incidentes nestes anos, a paz entre suevos e galaicos debeu de ser especialmente fráxil entón. Iso explica que no ano 437, as autoridades romanas enviasen novamente o conde romano Censorio á Gallaecia, esta vez acompañado de Fretimundo, do que  se descoñece o papel que ostentaba. Durante os meses seguintes, a actividade diplomática foi frenética e finalmente suevos e galaicos asinaban, novamente, unha longa e duradeira paz no ano 439. A paz cos galaicos no interior da Gallaecia permitiu a Hermerico centrar os seus esforzos nunha estratexia de expansión cara ao sur, cara ás provincias meridionais da Lusitania e a Bética, onde xa Hermigario desenvolvera as primeiras incursións.

No entanto, Hermerico non chegou a comandar os exércitos suevos nas futuras expedicións polo sur. O rei suevo enfermara xa había tempo e no 438 tomou a decisión de delegar a coroa no seu fillo Requila, a quen asociou como gobernante efectivo. Hermerico deixou atrás o liderado do pobo ao que conseguira garantir a estabilidade e unhas novas terras. Morto anos máis tarde, no 441, Hermerico é recordado por ser o fundador dunha monarquía, a sueva, que gobernou a Gallaecia durante case 200 anos e sen a cal non se podería explicar o devir histórico de Galiza.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios