Aurelio, Silo, Mauregato e Vermudo I. Os príncipes galaicos polas armas (768-791)

Libre do dominio visigodo e musulmán, a aristocracia da Gallaecia emerxe a comezos do século VIII como a verdadeira dona do territorio. No norte, as crónicas de Afonso III, escritas por volta do ano 880, narran os acontecementos, reais ou fantasiosos, dunha parte desa nobreza autóctona próxima á zona de Cangas de Onís. Nelas aparecen nomes como Paio (Pelagius) e os seus descendentes. Nobres que as crónicas posteriores pretenderon facer pasar por descendentes dos antigos reis visigodos. Após o goberno de Fávila e Afonso I, o de Froila I representou un momento de cambio e rivalidade entre os señoríos do norte da Gallaecia.
Miniatura de Mauregato recollida no 'Compendio da crónica de reyes' do século XIV. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
photo_camera Miniatura de Mauregato recollida no 'Compendio da crónica de reyes' do século XIV. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
A morte de Froila I, no ano 768 abriu un novo período caracterizado pola confrontación entre candidatos ao trono. Foi o caso dos grandes magnates que entre os anos 768 e 791 exerceron como auténticos reis na Gallaecia. A pesar da súa importancia, nin as crónicas nin a tradición historiográfica posterior crearon sobre eles un relato positivo, identificándoos como usurpadores e viláns, unha valoración que alén de causas políticas tamén se baseaba no feito de que estes souberon manter unha fráxil, pero útil, paz coa veciña Hispania musulmá. Unha situación que lles permitiu consolidar a institución rexia á vez que esta se espallaba por toda a Gallaecia. De orixe dispar, e descoñecida as máis das veces, con estes monarcas daríase un xiro xeográfico que dotaría de maior influencia o occidente da Gallaecia en detrimento da zona cántabra.

A historia destes reis ou principis alto-medievais chamados ás veces "usurpadores", comeza co asasinato do rei Froila I a mans duns nobres rebeldes. Un magnicidio que non foi especialmente mal visto polas crónicas posteriores, que o xustificaron a través do suposto carácter cruel e desapiadado do rei deposto. Mais alén da influencia que tivo a impopularidade do monarca, o asasinato de Froila I puxo de manifesto a debilidade da figura do monarca. A pesar de que algúns consideraron que o fillo de Froila I, o futuro Afonso II, era o único herdeiro natural do reino, este non herdou a coroa até anos máis tarde. Aínda que as crónicas non o especifican, non resulta aventurado imaxinar que a facción nobiliaria que derrocou a Froila I e acabou coa súa vida, foi a mesma que apartou do trono o seu fillo, o futuro Afonso II.

O tempo de Aurelio

A teor dos acontecementos posteriores, todo indica que o líder da facción que se rebelou contra Froila I, home "de condición áspera" segundo a Crónica Albeldense, non foi outro que un nobre chamado Aurelio. A orixe latina do seu nome ("Aurelius") talvez poña en evidencia a súa posíbel orixe autóctona, o que delataría a existencia de poderes locais escasamente vinculados á antiga monarquía visigoda. Aínda que nada se coñece con certeza sobre a súa ascendencia, nin as vinculacións dos seus pais co territorio que gobernaba inicialmente, próximo ao centro de Asturias, é posíbel que Aurelio fose un aristócrata local. Con todo, como lembra López Teixeira, autor do libro A formación do Reino de Galiza (711-910), as crónicas de Afonso III, escritas cen anos máis tarde, quixeron presentar a Aurelio como primo-irmán de Froila, a fin de facelo descendente, máis unha vez, do conde Pedro de Cantabria.

Mais fose o parentesco entre ambos nobres verdadeiro ou non, todo indica que a facción responsábel do asasinato de Froila I foi a mesma que posteriormente apoiou a Aurelio. Un bando cuxa zona de influencia debeu centrarse, principalmente, no centro da actual Asturias, onde conta a lenda local que Aurelio foi sepultado nunha igrexa por el mesmo fundada en Samartín, próximo a Llangreu, no ano 774. Do seu reinado e da acción de goberno que desenvolveu, é moito máis o que se ignora do que se coñece. A Crónica Albeldense apenas menciona a figura de Aurelio, indicando que reinou durante seis anos. Son as crónicas posteriores, na súa versión Rotense e Sebastianense, as que relatan a existencia dun clima de tensión social nun momento en que a restitución do Estado, tanto do poder nobiliario como o eclesiástico, suscitaba grandes tensións co campesiñado. Unhas revoltas que Aurelio aplacou e sobre as que se impuxo definitivamente.

Porén, se a nivel interno Aurelio foi capaz de ampliar e estabilizar o reino, a súa acción de goberno exterior caracterizouse pola paz. Un escenario que as crónicas de Afonso III sinalan firmemente, ao afirmar que mantivo a paz coa veciña Hispania musulmá. Dato este, que a propia historiografía hispano-musulmá e árabe confirma mais que non sempre foi ben recibida, nin comprendida, polos cronistas cristiáns, máis proclives, xa que logo, a enxalzar aqueles monarcas que mostraron unha maior hostilidade contra os emires musulmáns. Tras un curto reinado, seis anos despois de asumir o trono galaico, Aurelio, morría −todo indica− de morte natural, durante o comezo do sétimo ano do seu reinado.

O reinado de Silo

Morto Aurelio, xa que logo, no ano 774, o baleiro de poder axiña foi ocupado por outro nobre: Silo. Ao igual que no caso de Paio e Aurelio, a onomástica deste rei entronca coa tradición autóctona de nome latino ("Silus", nome común no Imperio romano), porén a vida e as orixes de Silo resultan practicamente descoñecidas. A pesar do silencio acerca da súa familia, a crónica Albeldense afirma que Silo chegou ao trono unicamente por estar casado con Adosinda, irmá do rei Froila I. Unha vinculación que boa parte da historiografía actual pon en dúbida, pois segue o propósito de unificar aos diferentes gobernantes baixo unha única liñaxe real galaica.

Con todo, se en efecto Silo se converteu en rei a través do matrimonio con Adosinda, nada sabemos, porén, das súas orixes. Malia a falta de información, sen dúbida, un dos datos máis significativos arredor da orixe de Silo sexa o cambio xeográfico que este levou a cabo na sede rexia, situándoa aínda máis ao oeste, na vila de Pravia, a antiga Flavium Avia de época romana. Unha localidade que na Gallaecia sueva fora capital da parroquia do pobo ástur dos Paesicos e que estaba unida á antiga Lucus Augusti (actual Lugo) a través dunha calzada romana. Mais, do que non hai dúbida é de que o patrimonio da familia de Silo se estendeu por gran parte do occidente da Gallaecia, tal e como revela o coñecido como "Diploma do Rei Silo"; un documento de gran relevancia que acredita a existencia deste rei e no que este a alude a propiedades súas na antiga diocese dos britóns galegos, en concreto nas terras entre os ríos Masma e Eo.

O feito de que o propio Silo dispuxera de territorios na Mariña, mais tamén no occidente asturiano, en concreto na vila de Pravia, fai pensar ao mundo investigador que o centro de gravidade da nova monarquía galaica comezou a se desprazar, con maior peso, cara ao territorio estritamente galego. A este respecto, se cadra non resulte casual que as crónicas se fagan eco dos constantes conflitos entre este princeps galaico-asturiano e certas poboacións galegas próximas ás súas terras de dominio directo. Así o demostra a batalla que este librou no lugar de Monte Cuperio (actual Montecubeiro, Castroverde) na que Silo −afirma a Crónica Rotense− tivo que facer fronte a algúns pobos galegos rebeldes. Unha conflitividade que, con todo, non se debeu limitar a estas terras lucenses, e que como indica López Teixeira, semella ser a continuación daquelas revoltas contra Froila e Aurelio tamén recollidas polas crónicas posteriores.

Veraces ou non, estas informacións permiten albiscar, como acontecía con Aurelio, unha política rexia especialmente atenta á consolidación do Estado e unha maior organización interna dunha monarquía galaica máis forte e feudalizada; unha estratexia que precisaba manter o fráxil equilibrio político coa veciña Hispania musulmá. É por esta razón que a Crónica Albeldense, redactada por volta do ano 883, recorda como Silo mantivo a paz con Hispania. Porén, a propia crónica adquire unha auréola enigmática cando considera que esta paz, en efecto duradeira, foi motivada pola propia nai de Silo.

Hoxe, a memoria de Silo asóciase especialmente coa antiga igrexa de Pravia, lugar onde se cre que o monarca mandou esculpir un labirinto epigráfico, único na Gallaecia, no que se repite a lenda SILO PRINCEPS FECIT. Nesta igrexa de Pravia, Silo mandaría edificar o seu túmulo, non sen antes proclamar ao fillo de Froila, Afonso, como gobernador de palacio. Malia que as crónicas negan, como acontece con Aurelio, calquera tipo de descendencia de Silo, todo indica que este morreu, en efecto, no ano 783, en circunstancias que se ignoran. Menos fiábel se mostra, no entanto, o feito de que Silo e Adosinda dispuxesen todo para que Afonso, o sobriño de Adosinda, herdara o trono da nova monarquía galaica.

Intencionadamente, ou non, a Crónica Rotense narra como, xusto antes de Afonso II suceder a Silo, un nobre coñecido como Mauregato, apoiado por un sector importante da aristocracia, logrou impoñerse sobre Afonso II e facerse finalmente co trono. Novamente, a Crónica Rotense encárgase de presentar a Mauregato como tío de Afonso II e, xa que logo, como descendente do conde Pedro de Cantabria.

O Goberno de Mauregato

Se cadra, a mellor mostra de que esta relación de parentesco non foi tan obvia sexa, precisamente, o silencio que Crónica Albeldense mostra sobre o propio Mauregato, do que apenas se afirma que o seu reinado durou seis anos. Como apunta López Teixeira, Mauregato foi, sen dúbida, un monarca especialmente maltratado polos cronistas posteriores, sendo obxecto dunha forte damnatio memoriae que o describiu como un tirano, un usurpador, e ao que, intencionadamente, se lle adxudicou unha orixe servil, presentándoo como fillo dunha serva, é dicir, un monarca sen pureza de sangue.

Para López Teixeira, esta animadversión pola figura de Mauregato está directamente relacionada coa paz que este mantivo con Hispania, é dicir, co Emirato de Córdoba, do mesmo xeito que a conservara Silo. O rexeitamento cara esta política de entendemento coas autoridades musulmás fixo xurdir mesmo o falso mito cristián do "dote das cen doncelas". Unha lenda, escrita máis de 200 anos despois da morte de Mauregato, que atribuía a este rei o cruel envío de cen mulleres cristiás para Córdoba como pago de paz, co que se pretendía conferir un ar depravado ao monarca. Se cadra, o odio a Mauregato posúa outras explicacións vinculadas á liñaxe do propio rei, unhas orixes que os cronistas ao servizo de Afonso III estimaban necesario ocultar. Novamente, ao igual que nos casos de Aurelio e Silo, o nome de Mauregato revélase alleo á tradición xermánica e afonda as súas orixes, tal e como aconteceu cos seus predecesores en nomes de orixe latina (Mauricatus); un nome que non foi infrecuente en terras galegas, onde aínda existen topónimos ligados a este nome, tales como Mourigade.

Para López Teixeira, o reinado de Mauregato foi, en realidade, moito máis importante do que as crónicas posteriores quixeron facer crer. Durante este desenvolveuse a querela adopcionista en Hispania; unha doutrina defendida entre outros polo arcebispo Elipando de Toledo e Félix de Urgell que negaba a substancia divina de Cristo. Non menos importante será, tamén no reinado deste monarca, o desenvolvemento do primeiro himno en honor a Santiago (O dei verbum), co que se comeza a vincular a presenza do apóstolo Santiago a terras ibéricas.
Aínda que febles, as fontes que mencionan a Mauregato sinalan que a súa morte aconteceu no ano 788. Como nos anteriores monarcas, de novo se presenta ao rei como un soberano sen descendencia, coincidencia escasamente verosímil, á que se omite calquera mención a ningún cónxuxe. Unha omisión que, máis unha vez, semella ser infundada polos cronistas de Afonso III para non comprometer a súa lexitimidade perante outros posíbeis descendentes do rei e, polo tanto, rivais polo trono.

Após o seu goberno foi outro nobre o que se fixo co trono; o seu nome era Vermudo. De nome xermánico, as crónicas preséntanos a Vermudo como irmán ou medio-irmán de Aurelio e neto de Pedro de Cantabria novamente. Sen evidencias claras, o certo é que a súa orixe semella poder situarse no occidente da Gallaecia. A diferenza dos seus predecesores, as crónicas apuntan ao aumento da tensión bélica entre o emerxente reino galaico e as autoridades hispano-musulmás. No entanto, as sucesivas derrotas contra os exércitos musulmáns deberon cuestionar seriamente o liderado do novo rei. Este feito foi considerado tradicionalmente como a causa de que, tempo despois, no ano 791, Vermudo I abdicase dos labores de goberno e tomase o hábito, motivo polo que é coñecido como Vermudo "o diácono". Con esta decisión, Vermudo poñía fin, segundo as crónicas de Afonso III, á longa espera do fillo de Froila, Afonso II, quen despois de máis de vinte anos (768-791) ascendía ao trono finalmente.

O estudo onomástico destes monarcas, os máis deles con nomes alleos ao mundo xermánico, semella fortalecer a tese de que as raíces destes nobres se atoparon nas elites autóctonas aínda que romanizadas, da Gallaecia altomedieval. Isto non fai senón evidenciar un contexto moito máis complexo e diverso, multiétnico, formado por fortes poderes autóctonos e liñaxes diversas cuxo único nexo de unión era a igrexa romana.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios