venres 07/05/21

O inventario de Meirás: desde as estatuas do Mestre Mateo até mobles da familia real

A documentación das e dos expertos que fixeron o estudo fala de case 700 bens de interese para o patrimonio cultural galego. O informe ao que tivo acceso Europa Press inclúe elementos situados tanto na finca como no interior do inmoble.

A comitiva que accedeu ao pazo o primeiro día de inventario. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
A comitiva que accedeu ao pazo o primeiro día de inventario. (Foto: M.Dylan / Europa Press)

O Pazo de Meirás dá acubillo a case 700 bens que son de interese para o patrimonio galego. É a conclusión que se extrae do inventario feito até o momento por persoal da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade ao que tivo acceso Europa Press.

Entre as reliquias que atoparon as e os expertos no interior da propiedade, que a familia do ditador deberá entregar ao Estado de maneira provisional esta quinta feira, 10 de decembro, están as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo (que xa causaran unha gran polémica cando foron descubertas) e mobles da familia real.

No escrito indícase que se atoparon 697 bens, quer no exterior, quer no interior da edificación principal. Ademais, hai 80 arquivos de vídeo e 1.021 imaxes.

Aliás, ao igual que o pazo garda parte da colección persoal de Emilia Pardo Bazán, tamén esconde bustos da autora.

Segundo Europa Press, no expediente do inventario (ao que se negaban as e os achegados de Franco, que toparon coa negativa da Xustiza a aceptar o seu recurso para que se puidesen levar todos os obxectos ou vendelos á Administración) hai unha peza especial sobre alfombras e outras telas e unha máis sobre a biblioteca, con fondos en tres espazos diferentes.

Pezas de exterior

O informe das especialistas, que ten 163 páxinas, describe polo miúdo 81 pezas do exterior (mesmo outras edificacións). Fálase así de tres hórreos, un cruceiro, esculturas de pedra, pilas bautismais e heráldica variada.

Tamén transcendeu que os Franco teñen unha réplica do parteluz da catedral de Compostela, un grupo escultórico de músicos tradicionais e outros elementos sen valor histórico coma unha pista de tenis.

Do interior, inscribíronse neste rexistro -tamén con todo tipo de detalles- as estatuas de Isaac e Abraham e diversos cadros. Tamén unha pila de auga bendita, trofeos de caza, maquetas de barcos, camas, lampadas e outro mobiliario, así como retablos relixiosos.

Patrimonio Nacional

Por outra parte, no informe menos extenso de Patrimonio Nacional enuméranse bens mobles históricos de carácter institucional como unha pantalla de cheminea,un sofá de talla dourada, unha mesa vitrina, un sofá de caoba, un conxunto de escritorio e cómoda e libros como un almanaque destinado a explicar a estrutura e organización do Estado da que se conserva un exemplar da época de Alfonso XII.

A vitrina, de feito, foi parte na decoración da sala de música da raíña Victoria Eugenia no Palacio Real.

“Con todo, é moi posible que non sexan os únicos e que, de continuar as investigacións, atopásese máis documentación relacionada coa titularidade doutras das pezas conservadas no edificio”, engade o texto. Por exemplo,  hai máis pezas “que fan sospeitar que poderían ter a súa orixe nas Coleccións Reais Españolas”.

comentarios