Feixoo sobre os Franco e Meirás di que non quere “discrepar nin polemizar cunha familia que acaba de perder un ben”

"Se alguén está seguro da súa propiedade, non creo que lle moleste manter as estatuas" na Galiza.

 

Vista do pazo de Meirás cando foi obxecto dunha acción reivindicativa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista do pazo de Meirás cando foi obxecto dunha acción reivindicativa. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feixoo, rexeitou entrar a "polemizar" coa familia Franco, pola propiedade do Pazo de Meirás, así como se ratificou que o Goberno galego denegará calquera petición para mover as estatuas do Mestre Mateo, Isaac e Abraham, dese inmóbel. "Se alguén está seguro da súa propiedade, non creo que lle moleste manter as estatuas na comunidade autónoma", sinalou.

Feixoo afirmou que non quere "discrepar, nin polemizar con ninguén, e moito menos cunha familia que acaba de perder, polo menos en primeira instancia, a posesión dun ben que nós entendemos que lle corresponde ao pobo galego".

En resposta aos medios, tras visitar as instalacións de Leite Río en Lugo, o mandatario ratificou o "compromiso" do Executivo galego para recuperar a titularidade do Pazo, para o que, entre outras actuacións, lembrou a constitución dunha comisión de expertos, a declaración BIC dos bens, o respaldo do Parlamento da Galiza e, finalmente, a demanda que interpuxo o Goberno español e que serviu para o fallo xudicial que devolve a titularidade do Pazo de Meirás ao público.

"Nun estado democrático estas cousas decídense nos ámbitos xudiciais e a primeira sentenza é clara e determinante, a propiedade é do pobo galego", proclamou Feixoo, quen defendeu que o que está a facer Galiza é "reivindicar os nosos dereitos e exercer os nosos dereitos no ámbito dun estado democrático".

Puntualizou que as "estatuas" do  maestre Mateo "levan declaradas" como Ben de Interese Cultural "hai anos", polo que lembrou que a lexislación obriga a que, "para movelo e sacalo da Galiza, necesítase a autorización" do Goberno galego. Respecto diso, ratificou que esta autorización non se "dará", posto que estas estatuas, de acordo coa xuíza, están baixo parámetros de prudencia xudicial e "non corresponde" sacalas da Galiza.

"Polémicas ningunha, pero a nosa determinación é conseguir a propiedade do Pazo e que (o Estado) o transfira a Galiza para que o Goberno galego poida xestionalo como merece. Lamento que haxa persoas que non entendan que nos debemos ao pobo galego, que non é pouco", sentenciou.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios