O xulgado nomea o Estado depositario dos bens de Meirás e mantén a data de entrega do pazo

O Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña designou o Estado depositario de todos os bens móbeis e elementos accesorios que conforman o complexo do Pazo de Meirás, sen prexuízo de que se poida permitir a retirada daqueles obxectos de "estrito uso persoal".

meiras
photo_camera Fotógrafos nas proximidades do pazo (Europa Press).

O xulgado, que acepta as alegacións do Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación da Coruña, mantén a data de entrega do inmóbel para o día 10 de decembro ás 11 horas.

Desta maneira, a maxistrada rexeita as alegacións da familia Franco sobre as medidas cautelares e explica que era "urxente" prohibirlles retirar obxectos do inmóbel porque preparaban o seu traslado. Ademais, sinala que a custodia por parte da Administración estatal é "congruente" co obxectivo de debater na fase de execución que forma parte do complexo.

"A literalidade do auto é clara", sinala sobre as medidas cautelares decretadas. "En consecuencia, erra a parte demandada cando di que se lle deron vinte días para retirar todos os seus bens. Os seus actos foron os de cumprir voluntariamente o fallo e, en congruencia, o auto dispón o prazo dun cumprimento voluntario", explica.

A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña destaca que a decisión de prohibir retirar bens do recinto sen informar previamente a parte demandada responde "a unha situación de urxencia patente", pois os Franco contrataran vehículos para levalos.

Cincuenta camións

"A urxencia xorde cando os demandados, dicindo que van entregar voluntariamente o pazo, previamente queren proceder ao traslado de bens en 50 camións que, sen dúbida, son moitos camións, o que se traducía nun baleirado de non se sabía que", sinala.

A maxistrada insiste en que era "necesario saber que existía en Meirás" antes de permitir "trasladar todo tipo de bens descoñecidos".

"De non adoptar as medidas cautelares nunca sería posíbel acoller unha decisión futura, nunca podería debaterse se, por exemplo, un escudo se integrase ou non na execución e propiedade do Estado, porque os bens terían, simple e sinxelamente, desaparecido".

Por iso, as medidas son "cautelares, urxentes e sen audiencia", argumenta a xuíza, quen explica que, unha vez realizado o inventario, o Estado terá que expor "que bens entende que han de ser entregados ou non".

Así, asegura que "non ten sentido abrir agora o debate acerca de que bens se integran ou non no pazo" porque a sentenza -contra a que os Franco presentaron recurso ante a Audiencia da Coruña- non é firme.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios