Meirás, centro da memoria democrática

A Xunta pro devolución do Pazo de Meirás reuniuse esta sexta feira para analizar a situación tras a sentenza que obriga aos Franco a devolver o inmóbel e facer propostas de cara aos usos futuros do edificio mais da súa contorna. A plataforma, na que participan institucións fundamentais para a recuperación do pazo, acordou a creación dunha mesa aberta a diferentes achegas para definir a xestión das torres como ben público mais a súa dedicación á memoria histórica e ás vítimas do franquismo.
EuropaPress_3424293_comitiva_judicial_encargada_realizar_inventario_bienes_pazo_meiras_dentro
photo_camera Detalle dun acceso ao Pazo de Meirás o día en que se iniciou o inventario de bens do inmóbel.

"Un faro para a igualdade e para reivindicar o papel e a forza creativa da muller". Este é, segundo a Xunta da Galiza, o uso esencial que debe asumir o Pazo de Meirás en caso de que o Estado resolva ceder a xestión do inmóbel á Administración galega, unha vez deixe de ser propiedade da familia Franco.

Segundo avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o Goberno da Xunta traballa na elaboración dun plan de usos para o futuro das instalacións que pasa por recuperar o obxectivo inicial de Emilia Pardo Bazán.

A pegada de Emilia Pardo Bazán ten que estar presente en Meirás.

O pazo "defínese como unha fantasía persoal de dona Emilia, que foi pioneira do feminismo en España, e foi un lugar para a creación cultural e literaria", afirmou Rodríguez. Neste sentido, a Xunta aspira a converter o edificio "nun faro da igualdade", mais "sen obviar en ningún momento que aí viviu un ditador", subliñou o conselleiro, e que se trata dun lugar de creación que "foi deturpado polo Franquismo".

Porén, o Executivo galego refusa asentar a futura xestión do inmóbel na reivindicación da memoria histórica e democrática da Galiza, como solicitaron BNG e PSdeG na comisión de Cultura decorrida esta mesma semana no Parlamento, onde tamén reclamaron unha administración plural que teña en conta as diversas entidades que traballaron para lograr a devolución do pazo ao pobo.

Polo momento, a Xunta defende facer de Meirás un espazo de concordia, "un lugar aberto á cidadanía, de convivencia e reivindicación" creativa, partindo "da idea inicial de dona Emilia". 

Futuro inmediato

"A pegada de Emilia Pardo Bazán ten que estar presente", asegura o investigador Carlos Babío, quen sinala outros dous usos necesarios e "razoables" para o Pazo de Meirás. 

Con todo, primeiro advirte que estamos ante unha situación provisional a falta dunha resolución definitiva. "Neste impasse, o lóxico é que o Estado ceda, estabeleza un convenio ou busque unha maneira de participación conxunta das tres Administracións galegas implicadas no futuro inmediato do pazo: Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Sada". E que estas, á súa vez, procuren a colaboración social, xa que a recuperación do inmóbel para o patrimonio público foi algo demandado e asistido por diferentes sectores. "O pazo é de todos e debe ser participado por todos", aclara Babío.

O pazo é de todos e debe ser participado por todos.

En canto ao que ten que ser e acoller Meirás no futuro, o investigador e autor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, a canda Manuel Lourenzo, defende tres usos esenciais. O primeiro, ligado orixe das torres, inseparábel de Pardo Bazán e da súa obra literaria. O segundo, relacionado "cos 80 anos de ignominia, abusos e represión" que supuxo a transferencia de uso a Franco do edificio . "Os 37 veráns que pasa alí non se poden esquecer. Teñen que estar recollidos. Polo tanto, Meirás é un lugar moi significado para facer un centro de interpretación da memoria democrática, dos valores democráticos e de estudo dos neofascismos".

A maiores, Babío indica un terceiro uso, turístico, ligado ao Concello de Sada. "A parte das torres, Meirás integra outras edificacións, un bosque e xardíns que deberan ser de desfrute público", canto antes sexa posíbel, conclúe.

Proceso aberto e colectivo

O investigador asistiu onte á reunión da Xunta pro devolución do Pazo de Meirás convocada polo deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.

A plataforma creada en 2017 en resposta á Xunta pro Pazo de Meirás como ferramenta ao servizo do espolio que puxo nas mans do ditador a propiedade, volveuse concentrar tras a sentenza que obriga á familia Franco a devolvela ao patrimonio público. Neste novo escenario, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, instou a definir os usos de Meirás coa participación de Administracións e organizacións que levan anos traballando pola recuperación deste espazo para o público.

A canda representantes dos Concellos de Sada e A Coruña, da Real Academia Galega, das tres universidades e das entidades pola recuperación da memoria histórica, González Formoso e Xosé Lois Penas analizaron como e "a que se vai a dedicar" o inmoble unha vez reverta no patrimonio público.

Sobre a proposta da Xunta de converter Meirás "nun faro de igualdade", o presidente da Deputación salientou que se pode acoller "pero adoece dun uso importante que non debe obviarse, como é a recuperación da memoria histórica nun espazo que foi de exaltación do franquismo durante décadas e que ten que servir para interpretar os valores democráticos que prevalecen hoxe na nosa sociedade", engadiu, unha función que chaman a definir de forma colectiva e coordinada. Neste sentido, avanzaron a creación dunha mesa participada por todas as institucións e entidades implicadas no proceso.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]

Comentarios