Os Franco deixarían os bens en Meirás por un "prezo razoable"

O avogado da familia do ditador afirma, na vista polas medidas cautelares que pesan sobre as propiedades do interior do pazo, que "a maior parte das cousas as puxeron eles".
Imaxe da vista polo recurso da familia Franco. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe da vista polo recurso da familia Franco. (Foto: Europa Press)

Esta cuarta feira tivo lugar a vista sobre as medidas cautelares que pesan sobre os bens que se atopan no pazo de Meirás. A familia do ditador négase ao inventario e considera que ten dereito a retirar as propiedades se ben estaría disposta a vendelos ás Administracións públicas polo “pago dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico”.

Así trascendeu hoxe despois desa sesión no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña onde o avogado dos Franco, Antonio Gil, explicou que se se pretende que fiquen en mans públicas habería certa aceptación.

Gil concretou que as e os seus clientes estarían “abertos á posibilidade de permitir que os bens queden no inmoble mediante un acordo previo e o pago dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico”.

A afirmación semella ter todas as características para crear unha polémica na sociedade. Porén, o letrado lembrou que as posesións que poidan estar en Meirás “non foron obxecto da sentenza” como si o foi a entrega -polo momento temporal- do inmoble, que os Franco (que tamén queren adiar a entrega prevista para o 10 de decembro dous meses máis) levaban tempo intentando vender.

Gil desvinculou ambas cousas porque “a maior parte das cousas as puxeron eles”. Ademais, pediu que se destrúa a parte do inventario que estea feita xa.

Nunha vista que durou algo máis de tres horas, o defensor da familia defendeu que non se pode entender que o pazo e o seu contido sexan unha “unidade” e negou que se quixesen levar “50 camións” para o traslado.

“Non é verdade pero, aínda que o fora, váiseme dicir que a inquedanza xurde a partir do publicado na prensa”, comentou. Tamén rexeitou que unha declaración de BIC abranga todas as propiedades porque na lexislación galega “non hai unha mención aos bens e ao seu eventual vínculo co inmoble”.

No entanto, o Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación piden que os bens mobles pasen a estar en depósito xudicial até que haxa unha conclusión definitiva do proceso.

Risco para o patrimonio

Os Franco non apoian esta opción pero para o avogado do Estado, Javier Suárez, sería o axeitado igual que o foi paralizar a mudanza dos achegados do ditador porque “había datos que facían aventurar que ía darse un baleirado completo”.

Mentres Gil defendía a “boa fe” dos seus clientes, Suárez lembrou que poderían levarse “os escudos, os hórreos, os cruceiros...”. “Hai cousas que se levaron e se trasladaron ao pazo”, comentou sobre os antecedentes.

Cabe destacar, por exemplo, que no edificio descansa unha boa parte da colección persoal de Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega (RAG) di que alí deben permanecer máis de 3.000 volumes e, de feito, hai un proceso para declarar todo o conxunto Ben de Interese Cultural (BIC).

Comentarios