Fronte común para recuperar as esculturas do Mestre Mateo

O deputado Luís Bará (BNG) conseguiu o apoio de todo o Parlamento para facer unha fronte común que permita a recuperación das estatuas de Xeremías/Abraham e Ezequiel/Isaac, obras do Mestre Mateo espoliadas pola ditadura e en mans da familia Franco. 
As esculturas permanecen en mans da familia Franco.
photo_camera As esculturas permanecen en mans da familia Franco.

O pleno do Parlamento alcanzou esta cuarta feira, 7 de outubro, un acordo entre as tres forzas políticas con representación no hemiciclo (PP, BNG e PSdeG) para facer unha fronte común que permita a recuperación das estatuas de Xeremías/Abraham e Ezequiel/Isaac, obras do Mestre Mateo que formaron parte da fachada da Catedral de Santiago, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) e espoliadas pola ditadura. Actualmente están en propiedade da familia Franco e o Concello de Santiago reclamou a súa devolución pola vía xurídica.

O acordo da Cámara insta a "proseguir o camiño aberto na sentenza do pazo de Meirás" co obxectivo de "investigar e documentar o espolio das estatuas" e "estudar as vías para a súa recuperación por parte do Concello de Santiago". Ademais, o texto propón crear un grupo de traballo, aberto á participación da Deputación da Coruña e do Goberno do Estado español e doutras entidades, que valore as liñas de acción para esta recuperación.

A iniciativa foi presentada por Luís Bará, deputado do BNG, que durante a defensa da mesma no hemiciclo explicitou a vontade da súa formación de chegar a unha posición unánime.

Bará expresou recoñecemento á asociación O Sorriso de Daniel, que en 2012 pediu a devolución das esculturas e promoveu a declaración BIC das mesmas (aprobada en 2019). 

O Parlamento pide ao Estado rebaixar o IVE das máscaras

A Cámara galega aprobou tamén demandar ao Goberno do Estado español a rebaixa do imposto sobre o valor engadido (IVE) para as máscaras e os hidroxeles desinfectantes.

A iniciativa presentouna o PP no pleno, e foi avante coa abstención do PSdeG e os votos a favor do BNG, que xa solicitara no Congreso dos Deputados a exención do IVE nestes bens.

O texto aprobado propón modificar o artigo 91 da lei do IVE para que se inclúan estes produtos na lista de bens aos que se lles aplica o tipo reducido de 10% ou superreducido de 4%, de forma que se equiparen a outros produtos farmacéuticos "imprescindíbeis".

Comentarios