martes 24/11/20

A xuíza impide que os Franco retiren bens de Meirás até facer o inventario

A maxistrada admitiu a trámite a medida "cautelar" que pediu hoxe mesmo o Estado para impedir que saian do inmoble bens que tamén lle correspondan á cidadanía.
Recreación con actores da visita de Franco e a súa muller á Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Recreación con actores da visita de Franco e a súa muller á Casa Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Após coñecerse a petición do Estado á Xustiza de realizar un inventario de todos os bens que están gardados en Meirás, a xuíza responsábel do Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña vén de prohibir aos achegados ao ditador que retiren cousas do inmoble.

Malia que os Franco asumiron que terán que entregar este ben ao Estado no prazo dun mes mentres se resolve o seu recurso á decisión xudicial de que o pazo regrese a mans da cidadanía, falouse de que nos últimos días estiveron retirando cousas de dentro da vivenda.

Ante a posibilidade de que empecen a levar cousas que non correspondería, a maxistrada decidiu limitar o movemento.

Segundo avanzou, a realización desa listaxe de artigos que hai en Meirás será un traballo que comezará a realizarse esta cuarta feira.

Desta maneira, a xuíza apostou na mesma liña que o Estado ao estimar a "medida cautelar". Vanse revisar todos os bens, quer os que estean dentro do espazo quer os que estén nos terreos que forman parte da propiedade.

Mentres que os traballos de inventariado non rematen, a familia do ditador non poderá trasladar ningunha cousa da finca. Non transcendeu o tempo que pode tardar este traballo, mais si que colaborarán nas tarefas os técnicos da Consellaría de Cultura da Xunta.

Dispositivo da Garda Civil

A meta é "preservar a integridade" do inmoble antes de que o próximo 10 de decembro se execute provisionalmente a sentenza que obriga aos achegados a entregar o pazo. Até que o documento esté rematado e haxa un consentimento expreso da xuíza, os Franco non poderán tocar nada do que gardan os muros da propiedade.

De feito, co fin de garantir o cumprimento da resolución, o Xulgado solicitou á Garda Civil que estabelezca un dispositivo de vixilancia no inmoble. O mesmo xa se dispuxo hai uns días tras facer público os Franco a súa intención de trasladar bens do pazo, segundo confirmaron desde a Delegación do Goberno.

A responsábel do xulgado tamén lembrou que o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2008, polo que "goza dunha protección integral", que, tal e como avisa o Estado, "esténdese a todos os seus elementos e compoñentes".

Esta decisión coincide no tempo coa nova manifestación na Coruña -con recreación teatralizada incluída- para exixir a devolución da Casa Cornide, en plena Cidade Vella.

Tamén hoxe o Goberno do Estado afirmou "non ter constancia" de que na actualidade haxa bens ou dereitos que correspondan ao Estado e que teña a familia.

comentarios