A RAG custodia e coida o patrimonio e a produción cultural da autora

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán máis preto de ser BIC

A vindeira semana a Xunta publicará no Diario Oficial a consideración da biblioteca de Emilia Pardo Bazán como Ben de Interese Cultural, unha declaración promovida pola Real Academia Galega.
20201121-BIC-BIBLIOTECA-EPB-2
photo_camera Imaxe da roda de prensa na que se fixo o anuncio. (Foto: Nós Diario)

A Real Academia Galega (RAG) congratulábase na xornada de hoxe pola protección da biblioteca de Emilia Pardo Bazán e agarda que este paso permita reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar da escritora, e poñelo a disposición da comunidade investigadora.

A incoación do expediente para a súa declaración como ben de interese cultural, solicitada pola Academia e sustentada no traballo que permitiu inventariar os libros da escritora que ficaron nas Torres de Meirás, será publicada no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana. A partir dese momento, o seu amparo estará garantido á espera da declaración BIC (Ben de Interese Cultural).

A protección atinxe tanto os preto de 8.000 libros conservados na Academia, responsábel da custodia do patrimonio da autora, como os preto de 3.000 que seguen a estar na que foi a súa residencia de Meirás e que pasou a mans do ditador Franco en 1938.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes declarou que  “é unha excelente noticia que a Xunta recoñeza oficialmente no Diario Oficial (DOG) a demanda da Academia a prol da consideración da biblioteca de Emilia Pardo Bazán como ben de interese cultural”

A Academia é responsábel do coidado tanto do patrimonio cultural e da produción intelectual de Emilia Pardo Bazán por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga, e asume cun compromiso decidido a defensa da súa memoria histórica, lembrou o presidente.

“Emilia Pardo Bazán foi presidenta de honra da Academia e a Academia considera a súa figura como unha das máis significadas do século XIX e da Galiza de todos os tempos. Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Juana de Vega e Emilia Pardo Bazán son catro figuras femininas de referencia que reivindicamos e celebramos”, expresou Víctor F. Freixanes na rolda de prensa.

“A valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”, apunta Marilar Aleixandre, representante da RAG na Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás e coordinadora por parte da Academia da programación que en 2021 recordará a autora e a súa obra co gallo do centenario do seu pasamento

Comentarios