Xosé María Lema: "Estes gobernantes feriron de morte a lingua que tiñan a obriga de defender"

Xosé Mª Lema Suárez (Bamiro-Vimianzo, 1950) vén de autoeditar 'Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019)'. O libro, ilustrado e prologado por Héitor Picallo, reúne unha trintena de artigos publicados en varios medios desde a chegada de Núñez Feixoo á Xunta e a aprobación do decreto do plurilingüismo.
Xosé Mª Lema é membro da AELG e correspondente da RAG.
photo_camera Xosé Mª Lema é membro da AELG e correspondente da RAG.

Após unha década de crítica e reflexión arredor da lingua, como valora a saúde do galego?

Ben se ve que non é boa. Sobre todo a raíz dese último informe da Real Academia Galega baseado na experiencia do alumnado de Ames que sinala o efecto desgaleguizador do ensino. Non é nada boa. E o peor é que o noso Goberno non vai reaccionar. Abandonade toda esperanza. Non lle importa o máis mínimo. A súa táctica é moi clara: deixar pasar, deixar morrer. 

A quen lle corresponde reaccionar, entón?

Como non reaccione a sociedade, como reaccionou noutros lugares, vexo difícil un fortalecemento da transmisión da lingua, como reaccionaron noutros lugares. Loxicamente, o idioma non vai desaparecer na miña xeración e supoño que tampouco na dos meus fillos. Pero cómpre un impulso. E o primeiro pasaría por devolver ás aulas o uso do idioma, sen restricións.

Lembro un episodio recente, o protagonizado pola nena Moraima falando con Siri, que non a acaba de entender. As autoridades reaccionaron a ese vídeo viral dicindo que axiña Siri falará galego, pero o que importa é que a escola fale galego. Porque Moraima acaba de empezar aí a súa andaina e, ao parecer, xa está a perder a lingua propia. 

A recompilación de artigos que presenta en Pola nosa lingua dedícalla ás netas, que conservan o idioma lonxe da Galiza, mais a todas as crianzas que falan galego no país ou poden chegar a falalo. 

As miñas netas viven en Italia e falan moi ben o galego grazas a seu pai. Fálano con nós e cando veñen de vacacións, sen ningún prexuízo. Estou case seguro de que se chegan a estar aquí, na Galiza, terían máis perigo de perder o idioma. É triste dicilo.

O decreto do plurilingüismo de 2010 foi terríbel. Condicionou o uso do galego na escola até o punto de desterralo no caso das materias de ciencias. É o primeiro que debera considerar o Goberno, derrogar unha norma que non prima a lingua propia e mesmo chega a prohibila. Neste sentido, e vou meter a man no lume, Núñez Feixoo non ten a cultura que tiña Fraga, quen polo menos non prexudicou o idioma tanto como o danou el.

Boa parte da escolla que fixo céntrase nos primeiros anos de implantación do decreto de 2010, que bateu nas rúas co rexeitamento frontal da sociedade.

Foi a primeira promesa electoral que apuraron en cumprir Núñez Feixoo mais o conselleiro Jesús Vázquez. Por aquel entón, 2009 e 2015, escribín unha serie de artigos moi críticos coa política lingüística da Xunta, porque tocaba a rebato. A censura centrábase nunhas medidas moi agresivas co idioma que obedeceron á primeira. Cinco deses artigos foron distinguidos co premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2010, por un xurado composto por persoas de ideoloxía diversa. E cónstame que había cargos do PP que non estaban de acordo coas decisións que estaba a tomar o Goberno de Feixoo a respecto da lingua e que dicían que estabamos ante un problema que non existía, que era inventado.

O xurado valorou a defensa realizada na prol da lingua galega nestes cinco artigos que recupero, moi incisivos contra a categoría de estranxeiro que se lle outorgou ao galego na súa propia casa, contra a actitude hostil e destrutora do novo Goberno fronte ao idioma, contra a amputación do corpus da nosa lingua: no ensino, no sector editorial, na toponimia... 

Pero ademais de crítica, hai textos que tiran de retranca e de experiencias positivas.

Chegou un momento en que arrefriei a censura. Non quero dar a imaxe dunha persoa derrotista. Hai experiencias e artigos de signo positivo que gaban o esforzo de deportistas como Gómez Noya ou Ana Peleteiro, de mestres que reivindican as matemáticas en galego a pesar dos límites, da grande herdanza que supón a lingua propia.

O que hai que reforzar é o orgullo da sociedade de ter un idioma de máis de mil anos. Contamos cunha boa porcentaxe de falantes e neofalantes que son o futuro da lingua. Sei de netos que falan galego malia que seus avós educaron os pais en castelán. Teño unha grande esperanza depositada na mocidade. E personifico esa ilusión en xente como as poetas Sara Plaza e Rosalía Fernández Rial músicas como A banda da loba ou Caamaño & Ameixeiras, emprendedoras como Irimia Fernández Álvarez, responsábel de Brazolinda Xogos. 

Como fixo Xosé Ramón Barreiro en 2009, en Celanova, exemplo de dignidade ante o poder, convido a sociedade a ser rebelde para loitar pola liberdade e prol cultura e da lingua galegas. Son consciente de que con este libro non vou cambiar o rumbo da historia pero si deixo constancia duns gobernantes desleixados que tanto dano lle fixeron á lingua que tiñan a obriga de defender. 

Lume á lingua e á cultura propias

Pola nosa lingua é unha autoedición do autor. Xosé María Lema avogou por sacar adiante a publicación de "só 200 exemplares" pola súa conta. "Non me molestei en ir a ningunha editorial, tamén porque quería que o proceso fose breve". A obra pódese conseguir nunhas poucas librarías de Santiago (Couceiro, Pedreira e Papelaría Xaquín), A Estrada (Marxe), Cuntis (Maresa), Carballo (Brañas Verdes), Baio e Laxe (Torre Penedo), Vimianzo (Bazar Mouro), O Carballiño (OZocoGZ) e Vigo (Cartabón).

Na portada, "unha grande obra do polígrafo Héitor Picallo", salienta o escritor. "Unha mecha prende nos libros de ciencias en galego. Unha ilustración que fai referencia a un artigo no que convidaba o señor presidente a que fixese unha pira no Obradoiro e os queimase dunha vez, porque prescindir das matemáticas, a bioloxía a e física en galego nas escolas tamén supuxo tirar ao lixo millóns de euros".

Comentarios