Un novo estudo da RAG evidencia o "efecto desgaleguizador" do ensino

A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar unha nova investigación sobre a situación da lingua galega entre a mocidade. No estudo, a RAG constata que o medio escolar "é hostil" para o galego e que o sistema educativo exerce "un forte efecto desgaleguizador".
"Falame en galego", concentración de Queremos galego polo Día das Letras 2018. (Foto: Nós Diario).
photo_camera "Falame en galego", concentración de Queremos galego polo Día das Letras 2018. (Foto: Nós Diario).

"O acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados até o momento, centrados maioritariamente na adolescencia". Así o evidencia o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto desenvolvido pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración co Concello de Ames. 

A investigación, presentada na tarde de onte en Bertamiráns, é o primeiro estudo deste tipo que implica todas as etapas educativas, desde as escolas infantís até o bacharelato, e mais os distintos actores implicados na educación dentro e fóra das aulas. 

77% de falantes habituais de castelán

Os datos mostran, segundo o estudo, "a perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil". Porcentaxe que "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes".

Deste modo, "na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües". "Os procesos de substitución lingüística cara ao castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia".

O medio escolar "é hostil" para o galego

“O que demostra este traballo é que o medio escolar non é amigábel para o galego”, afirmou Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsábel da investigación.

“É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”, precisou. 

A investigación contou coa participación de máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes dos 20 centros educativos públicos e privados deste municipio.

Comentarios