O TSXG obriga a Axencia Tributaria a garantir o uso do galego

Os servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística obteñen unha resolución favorábel aos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes despois de catro anos de batalla xudicial
Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Varias empregadas nunha ofician da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

A Mesa pola Normalización considera "histórica" a sentenza emitida o 4 de abril de 2022 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarando nulos os actos administrativos efectuados pola Axencia Tributaria en castelán, despois de que un cidadán galego manifestase querer ser atendido na súa lingua e ordenando retrotraer as actuacións ao momento anterior á vulneración do seu dereito á escolla lingüística.

O éxito xudicial acadado polos servizos xurídicos da Mesa, dirixidos por Elsa Quintas, supón un reproche á Axencia Tributaria por eludir a vontade inequívoca do administrado a que se comunicasen con el na lingua galega e por baleirar de contido o dereito á escolla lingüística que asiste a cidadanía galega.

Notificacións en galego

O Tribunal ten en conta a dilixencia despregada polo administrado a requirirlle á Axencia Tributaria que lle notificase en galego e ordena a suspensión dos prazos das comunicacións efectuadas en lingua diferente á escollida mentres o ente tributario non cumpra a súa obriga de llas notificar en lingua galega.

Quintas recorda que a Axencia Tributaria ignorara en cada un dos procedementos incoados de oficio as reiteradas solicitudes do cidadán de que lle notificasen en galego as comunicacións e considera un verdadeiro éxito "que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non convalide o pretexto do ente tributario de que se trata de procedementos desconectados entre si".

O TSXG estabelece na sentencia que "a Administración non pode ampararse nunha división do procedemento para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario".

Dereito á escolla lingüística

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza responsabiliza a administración tributaria por non artellar un mecanismo de coordinación dos diferentes órganos que garanta o dereito á escolla lingüística do cidadán, sen necesidade de ter que reiteralo en cada procedemento.

Quintas destaca que os servizos xurídicos da Mesa puxeron especial empeño ao requirir do Tribunal que o procedemento xudicial se seguise en galego, conseguindo que o TSXG se pronunciase tamén nesta lingua, contribuíndo e avanzando na normalización lingüística da administración de xustiza.

O cidadán afectado, Xurxo Martínez González, director do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, celebra nas súas redes sociais a resolución da loita xudicial que mantivo durante catro anos, acompañado polos servizos xurídicos da Mesa, calificando a sentenza de "verdadeiro triunfo para o idioma galego" e afirmando que "os dereitos  deben ser exercidos até as últimas consecuencias" e que "gañando espazos legais e exercendo dereitos podemos consolidar un stataus de normalidade para o noso idioma".

Lembra A Mesa, que a Liña do Galego, atende durante todo o ano todas as queixas e dúbidas da cidadanía a respecto da lingua.

Comentarios