A 'odisea' xurídica para conseguir que a Axencia Tributaria atenda en galego

"Hoxe o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de admitir a nosa reclamación e por tanto que sentar xurisprudencia de que os dereitos lingüísticos teñen que ser respectados", sinala o escritor e filólogo Xurxo Martínez González.
Oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Europa Press)
photo_camera Oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Europa Press)

Coincidindo co arranque da campaña da Renda, o escritor e filólogo galego Xurxo Martínez González vén de relatar no seu Facebook a 'odisea' xurídica que viviu desde 2017 para conseguir que a Axencia Tributaria (AEAT) o atendese en galego.

Segundo explica, todo comezou na campaña da renda de 2017, cando enviou un escrito á AEAT na que solicitaba que "calquera xestión" que fixesen con el "fose só en galego".

Para comprobar se cumprían cos seus dereitos lingüísticos, explica que fixo "o ingreso da declaración fóra de prazo", ante o que o fisco español notificou o impago cun escrito en castelán.

"Eu negueime a pagar até que me chegase en galego", engade Martínez, quen explica que tamén lle enviaron un aviso en castelán de embargo da súa conta. Un embargo que foi executado antes de que a AEAT atendese a súa notificación e lle respondese en galego.

"Loita xudicial e legal"

Nese punto, o escritor explica que "comezou a loita xudicial e legal con escritos ao Defensor del Pueblo, a Valedora do Pobo, o Tribunal Administrativo-Económico...".

"Hoxe o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de admitir a nosa reclamación  e por tanto que sentar xurisprudencia de que os dereitos lingüísticos teñen que ser respectados", destaca Martínez, quen afirma que esta sentenza "é un verdadeiro triunfo para o idioma galego".

No seu escrito, o TSXG deixa de manifesto que a obrigatoriedade do castelán non pode vulnerar o dereito á escolla do galego, así como que a Administración estatal debe garantir "unha comunicación normal nas linguais cooficiais".

Xurxo Martínez conclúe asegurando que "os dereitos deben ser exercidos até as últimas consecuencias. Desta vez gañamos porque o levamos até o final. E debe ser exemplo para outras circunstancias".

Comentarios