O estado da lingua galega após Feixoo en 8 cifras

24% dos menores de 15 anos son incapaces de falar en galego

A política lingüística marcou a xestión de Feixoo. Tras chegar á Presidencia da Xunta acusando o Goberno bipartito do PSdeG e BNG de impor o galego, iniciou o seu mandato aprobando unha norma que ilegalizaba a lingua do país para impartir aulas de matemáticas. A importante perda de falantes acompaña o seu mandato.

Imaxe de arquivo: escolasinfantis.net
photo_camera A perda de galegofalantes entre menores de 15 incrementouse desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta. (Foto:Nós Diario).

Cero disposicións legais do Estado obrigan ao uso do galego. Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán en diferentes esferas da vida social, non existe ningún texto normativo que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. Máis de 200 disposicións xurídicas refírense a actividades comerciais ou de información ás persoas consumidoras, sen que a Xunta exercese as súas competencias para demandar para o galego os mesmos dereitos e deberes que ten o español. Neste momento na Galiza ningunha entidade bancaria permite realizar todos os trámites en galego.

A mocidade

23,90% das persoas menores de 15 anos son incapaces de falar en galego. Segundo os datos procedentes da última Enquisa estrutural de fogares de 2018, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos, isto é 23,90% dese grupo de idade, declararon descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse nesa lingua. A cifra representa un incremento de máis de 7% en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos -16,33% das persoas incluídas nese grupo de idade- responderon non ser quen de falar en galego. Precisamente, só entre 2003 e 2008, coincidindo en parte co Goberno bipartito, a porcentaxe desta tendencia inverteuse minimamente.

Cero liñas públicas de ensino íntegro en galego. Se durante 2008 e 2009 funcionaron na Galiza oito liñas públicas de ensino íntegro en galego, cunha gran demanda por parte das familias dos escolares e cunha moi boa collida polo nivel de educación prestada, á volta de 2010 foron suprimidas polo Goberno de Núñez Feixoo argumentando que as mesmas incumprían a nova lexislación do Goberno galego recollida no coñecido como Decreto de plurilingüismo. A referida norma impide impartir aulas de matemáticas en galego en Educación Infantil e de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en Educación Primaria, sendo estas materias as que máis carga horaria acumulan na actualidade.

100% dos materiais educativos das escolas infantís das cidades están en español. Segundo os datos ofrecidos pola Mesa pola Normalización Lingüística, o galego só é maioritario en 8% das escolas infantís das cidades, e non pode haber un nivel de uso da lingua do país nos termos indicados pola normativa legal se non hai materiais pedagóxicos neste idioma. Na mesma dirección, a entidade en defensa da lingua denuncia o incumprimento do disposto no Decreto de plurilingüismo sobre a introdución dun segundo idioma diferente ao de uso común.
 

22,64% menos de investimento que en 2021 en campañas de normalización lingüística no ensino. Nos orzamentos galegos de 2022, as partidas destinadas ao fomento da lingua caeron en 22,64% a respecto de 2021, significándose os retallos no fondo principal, o destinado a campañas de normalización lingüística no ensino, onde se perde un de cada catro euros investidos no curso 2021/2022. Aliás, como denunciou a CIG-Ensino, as partidas que máis medran dentro deste programa son as que se destinan a empresas privadas, que crecen por riba de 30% por segundo ano consecutivo e as que van a centros concertados, que soben máis de 11%”.
 

O estado da xustiza

0,04% dos asuntos tramitados pola Administración de xustiza foron en galego. Segundo os datos achegados na memoria do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de 2019, último ano do que se coñece información, os diferentes órganos xudiciais galegos só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956, sumando así unha porcentaxe de 0,04%. Na mesma dirección, a Confederación Intersindical Galega (CIG) sinalou que aínda que presenta 20% das demandas da xurisdición do social na Galiza, solicitando sempre o uso do galego nestes procedementos, só teñen resposta positiva con respecto á lingua en menos de 1% dos casos.
 

54% das denuncias presentadas contra a Xunta por incumprimento das súas obrigas lingüísticas derívanse de actuacións producidas no Servizo Galego de Saúde, malia que os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que esta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no territorio. A situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia agravou a situación, até o punto de citar para as probas PCR só en castelán, excluír o galego na liña de atención telefónica habilitada para a Covid ou eliminar o galego dos protocolos e formación para o persoal sanitarios.

56% das queixas totais tramitadas en 2021 por vulneración dos dereitos lingüísticos pola Liña do Galego corresponden con incumprimentos da Xunta. A este respecto, a entidade prestadora do servizo, A Mesa pola Normalización Lingüística, destaca a súa maior incidencia no ámbito das comunicacións, informacións, sinaléctica e atención ao público. Na mesma dirección, salienta os incumprimentos daquelas empresas privadas que xestionan servizos públicos da Administración galega, onde o idioma está ausente en trámites esenciais como o pagamento de taxas, impostos, multas.
 

Comentarios