xoves 26/11/20

“Sr. Feixoo: combata o virus e non o galego”: chamada nas redes a desmentir as afirmacións do presidente da Xunta

Ás 20:00 horas desta segunda feira e após que Feixoo saíse en defensa do español como lingua vehicular no ensino.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Arxina)
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Arxina)

“Hoxe ás 20h nas redes sociais: Sr Feixoo, combata o virus e non o galego! cos HT #OGalegoNonMata e #RemoveTheLimitations en referencia á indicación que lle fixo o Consello de Europa respecto do galego en decembro”. Esta é a mensaxe que está a circular por Whatsapp e otras redes sociais.

A finalidade desta iniciativa impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística é desmentir as afirmacións feitas polo presidente da Xunta esta fin de semana a través de twitter.

O presidente da Xunta da Galiza e líder dos populares galegos, acusou o Executivo que preside Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación e pretender "amordazar a prensa" a través dunha norma para que "sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira".Fíxoo a través de dúas mensaxes publicadas en español e con dous minutos de diferenza no seu perfil na rede social Twitter na tarde deste domingo.

"En plena pandemia, cando se supón que debería estar a xestionar a segunda onda, o Goberno pasou a responsabilidade ás CCAA e dedicouse a tentar eliminar por lei o castelán como lingua vehicular, a tentar reformar a lei para elixir directamente os xuíces", sinala o primeiro 'tuit' publicado polo presidente autonómico.

Unhas declaración que baten coa realidade. O propio Consello de Europa recomendou a finais de 2019 á Xunta de forma “inmediata” eliminar “as limitacións á docencia en galego”.

Un informe da Comisión de Expertos sobre a realidade das linguas minorizadas no Estado español constata dificultades e incumprimentos para o galego e constata a preocupante perda de falantes. "A transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida", alerta.

comentarios