Rodrigo Cuevas, Premio Folgueira pola defensa do galego de Asturias

Os premios, representados en dúas obras realizadas polo ceramista tapiego Javier Cancio, serán entregados nun acto organizado por esta entidade cultural que decorrerá na Casa da Cultura do concello de Boal, o próximo 28 de outubro.
O artista asturiano Rodrigo Cuevas, nun concerto. (Foto: Europa Press)
photo_camera O artista asturiano Rodrigo Cuevas, nun concerto. (Foto: Europa Press)

A xunta directiva de Axuntar, asociación para a normalización do galego de Asturias, na súa reunión do 25 de setembro de 2023, acordou crear os Premios Folgueira para distinguir unha vez ao ano as “persoas, institucións ou iniciativas que demostren mérito na dignificación do galego como unha das linguas propias de Asturias”. Na mesma sesión acordouse así mesmo designar ao Socio de Honra do ano 2023.

A directiva de Axuntar decidiu por unanimidade outorgar o Premio Folgueira 2023, en “recoñecemento ao seu labor a favor da nosa lingua e pola importancia que ten a arte como elemento transformador e democratizador das sociedades”, ao músico e artista asturiano Rodrigo Cuevas González.

Ademais, e tamén por unanimidade, decidiu distinguir ao histórico defensor do galego, Benigno Fernández Braña como Socio de Honra, en recoñecemento ao seu labor en favor do galego de Asturias e pola importancia histórica do seu compromiso co noso idioma.

Benigno Braña foi o precursor da loita da Asturias galego-falante pola dignificación da súa lingua propia. Grazas a aquelas reivindicacións conseguiuse o recoñecemento do galego por lei da Xunta Xeneral do Principado.

“Braña foi o artífice, hai xa 30 anos, de que un equipo de seis prestixiosos lingüistas das universidades de Santiago e Oviedo redactasen as primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas do galego de Asturias que hoxe utiliza Axuntar e un número crecente de escritoras”, indican desde a asociación.

Acto de entrega

Os premios, representados en dúas obras realizadas polo ceramista tapiego Javier Cancio, serán entregados nun acto organizado por esta entidade cultural que decorrerá na Casa da Cultura do concello de Boal, o próximo 28 de outubro, ás 16 horas, no marco da presentación do II Informe sobre a lingua Eo-Navia en Asturias, editado por Axuntar.

Devandito informe tamén se presentará o día seguinte, domingo 29 de outubro, ás 16.30 horas, na Casa da Cultura de Santalla de Ozcos.

Comentarios