O presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, defede o topónimo 'ría do Eo'

Esta semana a Xunta recorreu ante a xustiza de Madrid en defensa do topónimo 'ría de Ribadeo'.
Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)

O presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, referiuse á decisión da Xunta da Galiza de presentar un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) contra a oficialidade da denominación 'ría do Eo', á vez que 'ría de Ribadeo', aceptada polo Instituto Xeográfico Nacional, e indicou que defenderá esa dobre nomenclatura por "terra, mar e aire".

Nesta liña, Barbón asegurou que respecta a posición da Xunta, pero tamén mostrou a súa discrepancia porque presenta a alegación despois de que "o Goberno do Estado español aceptara as nosas alegacións e demostrara que historicamente a parte asturiana sempre se chamou Ría do Eo, é dicir que os dous conceptos convivan, sen suprimir ningún".

"Eu non vexo maior conflito e espero que se acepte a dobre denominación, eu desde logo como presidente de Asturias defendereina por terra, mar e aire se fai falta porque desde logo recoñece a tradición do occidente asturiano", indicou Barbón.

Recursos da Xunta e da Deputación de Lugo

Esta mesma semana, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego recorrería ante a Xustiza a decisión do Executivo estatal de oficializar a denominación ‘ría do Eo’, defendendo que só debe ser oficial o topónimo ‘ría de Ribadeo’ xa que é “o que se empregou historicamente”.

Isto sucedeu despois de que o Instituto Xeográfico Nacional (IXN), publicara unha resolución en novembro de 2022, ditada logo do informe preceptivo da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, estabelecendo que ambos os topónimos debían ter o mesmo carácter oficial.

Antes da Xunta, a Deputación de Lugo xa recorrera en febreiro TSX de Madrid a decisión do Goberno estatal de admitir a denominación ‘ría do Eo’, sostendo que “carece de fundamento técnico, xurídico e tamén histórico”, segundo a institución.

"Adoptamos esta decisión porque se outorga a toponimia de 'ría do Eo' como cooficial. Un feito que, como defenden os técnicos, vulnera a normativa que regula a determinación dos topónimos oficiais", aseverou.

Comentarios