Axuntar acusa o Goberno asturiano de incumprir a lei co glotónimo ‘eonaviego’

O Goberno asturiano non quere a denominación de galego para a lingua que se fala entre o Eo e o Navia. Neste sentido, desde o colectivo Axuntar piden respecto aos criterios científicos e a súa filiación ao tronco común galego-portugués.  

Acto en Boal de presentación do do Informe lingüístico do Navia-Eo
photo_camera Acto de Axuntar en Boal para presentar o do Informe lingüístico do Navia-Eo. (Foto:Nós Diario).

A asociación para defensa do galego de Asturias, Axuntar vén de rexistrar alegacións á  proposta de Goberno asturiano que “pretende substituír pola porta de atrás o glotónimo vixente na lexislación actual, galego-asturiano, polo termo alegal eonaviego, que tanto desde a Academia  da Llingua Asturiana como desde o propio Goberno veñen usando dun tempo para acó como equivalente ao primeiro coa intención de borrar calquera referencia ao galego na denominación da lingua que falan decenas de miles de asturianos”.

Axuntar considera que a proposta do executivo asturiano contradí a lexilación vixente. Neste sentido, lembra que a "Lei 1/1998, do 23 de marzo, sobre o seu uso e promoción bable/asturiano, non dá recoñecemento legal da expresión ou glotónimo eonaviego", porque esa lei refírese a ela como galego-asturiano.

Unha variante da lingua galega

O colectivo entende que “ao denominar a lingua que se fala no occidente de Asturias eonaviego preténdese evitar identificala como a variante da lingua galega que é, o que constitúe un obstáculo artificioso para o fomento desta lingua, desvinculándoa do seu tronco lingüístico polo mero feito de existir unha fronteira administrativa”.

A asociación para defensa do galego de Asturias afirma que “tras alcanzarse un certo consenso na denominación galego-asturiano ou galego de Asturias, calquera intento de alterar esta denominación, ademais da súa evidente ilegalidade, non só supón un paso atrás na historia sociolingüística, senón que tamén significa a aplicación de dúas varas de medir a diversidade lingüística asturiana, por canto preténdese cometer a mesma inxustiza que primeiro se cometeu co asturiano”.

Axuntar lembra “que o galego que se fala en Asturias ten a súa orixe na lingua medieval denominada galaico-portugués, que procede do latín”. Nesta dirección, apuntan que “o galaico-portugués, está presente na colección diplomática do mosteiro de Vilanova de Oscos”, “documentos que sitúan esta comarca asturiana como un dos lugares de referencia na orixe dos idiomas galego e portugués”.

“O galego-asturiano constitúe  un importante patrimonio"

A entidade defende que “o galego-asturiano constitúe por tanto un importante patrimonio cultural inmaterial, pero, por encima de todo, é un idioma vivo de Asturias, unha variedade dialectal do galego, e a súa existencia require o recoñecemento e protección, nos mesmos termos que rexen para o resto de falantes das outras linguas da comunidade autónoma”.

Axuntar considera que “o recoñecemento e respecto á denominación desta lingua (“galego-asturiano”), é condición sine qua non para garantir a normalización do idioma e o respecto e protección que ten encomendados precisamente a Oficina de Dereitos Lingüísticos”.

A perda de falantes de galego é acusada en Asturias. Segundo un traballo elaborado polo propio colectivo Axuntar, “o numero de falantes galegos deste territorio estímase que é duns 37.000”. Asemade,  a III Encuesta Sociolingüística del Navia‑Eo, un traballo encargado pola Academia da Lingua Asturiana ao politólogo Francisco Llera Ramo e presentada en 2021, sinala que dous de cada tres residentes na área do Eo-Navia maiores de 16 anos teñen como primeira lingua o galego. Porén, o traballo destaca que “hai tres décadas eran tres de cada catro os que tiñan en exclusiva o galego como primeira lingua, polo que se observa un claro retroceso de nada máis e nada menos que de 29 puntos".

Comentarios