Axuntar acusa o presidente asturiano de "negar o galego que se fala en Asturias"

A asociación cualifica a actitude de Barbón de "terraplanismo" lingüístico.
O presidente de Asturias, Adrián Barbón, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Asturias, Adrián Barbón, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)

Axuntar, a asociación para a normalización do galego de Asturias, saíu esta quinta feira ao paso da polémica afirmación realizada polo presidente asturiano, Adrián Barbón, de que "entre o [río] Navia e o [río] Eo non se fala galego, fálase a fala eonaviega".

Con esas declaracións, indican desde este colectivo, Barbón "pretende negar o consenso científico comunmente aceptado", e mesmo evita "utilizar o nome legal (galego-asturiano) que ten a lingua segundo a disposición legal, aprobada polo noso Parlamento rexional, a Xunta Xeral do Principado" de Asturias. Ao redor de 37.000 persoas falan en Asturias a lingua galega.

A asociación lembra ao presidente asturiano que "o noso galego carece de presenza institucional en Asturias, e por suposto de oficialidade"; denunciando ademais que esta lingua "está nunha situación vergoñosa de falta de rigor na escolarización; que a súa presenza mediática é inexistente; que é tratado con neglixencia, descoidando a súa dignidade idiomática..." e que mesmo se cuestiona "insidiosamente a asturianidade dos e das falantes que non digan amén ás políticas negacionistas".

"As palabras de Barbón son un abuso cultural e un canto á intolerancia, mostrando audazmente un terraplanismo cultural, inusual neste momento do século XXI nun representante político que se supón que é progresista", afirma Axuntar.

O "noso galego"

"O noso galego sitúanos no mundo e visibiliza a nosa comarca do Eo-Navia, e con ela Asturias, dentro de España, grazas a ser custodios dunha das linguas xa oficiais no Estado", concluén.

Comentarios