A poboación asturiana que ten o galego como lingua nai baixou 38% en 30 anos

Axuntar vén de presentar o seu informe sobre a situación actual do galego en Asturias.
Xabier Barcia, Natalia Jardón, Moisés Cimas e Enrique González na presentación do informe de Axuntar o 27 de decembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier Barcia, Natalia Jardón, Moisés Cimas e Enrique González na presentación do informe de Axuntar o 27 de decembro. (Foto: Nós Diario)

O territorio asturiano no que se fala galego ocupa unha superficie aproximada de 4.200 quilómetros cadrados distribuída en 18 concellos. Actualmente, estímase que o número de falantes nesta zona é de 37.000. Así o recolle o Informe sobre a lingua do Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, elaborado pola asociación para a normalización do galego de Asturias, Axuntar, presentado no concello asturiano da Veiga.

O Eo-Navia é a zona asturiana galego falante que se localiza entre os ríos Eo (ao oeste) e Navia (ao leste). Do total das persoas que falan o galego de Asturias, o informe recolle que, segundo a III Enquisa Sociolingüística do Navia-Eo elaborada pola Academia da Llingua Asturiana, dous de cada tres habitantes da zona maiores de 16 anos -63,1%- téñena como primeira lingua, ben en solitario -46,3%- ben xunto co castelán -16,8%-. Porén, hai 30 anos, a porcentaxe de persoas cuxa lingua materna era exclusivamente o galego era de 75%, polo que se observa un descenso de 29 puntos, indica o informe.

Esta situación débese, segundo explica a Nós Diario o Doutor en Lingua Española e Lingüística Xeral da Universidade de Oviedo e participante na elaboración do informe, Ramiro Xabier Barcia, á falta de vontade política. “Desde a Administración do Principado de Asturias non se respecta a diversidade lingüística de Asturias, e menos o galego asturiano, cuxo status legal non garante a súa viabilidade futura” e engade que a lingua vive “unha situación de diglosia co castelán, pero tamén co asturiano que, se ben non é oficial, si conta con máis recoñecemento, o que supón un agravio comparativo evidente”.

Nesta liña, o mediador comunicativo e presidente de Axuntar, Moisés Cima, sostén que os tópicos con respecto ao galego asturiano continúan sendo “moi fortes”. Estes prexuízos son similares aos do galego na Galiza, habitualmente asociado á poboación de maior idade e ás zonas rurais. Ademais, segundo explica Barcia, resulta rechamante as connotacións que esconden as denominacións da lingua. “Ao galego de Asturias tamén se lle chama a fala ou o eonaviego, nomes que son pexorativos ao eliminar a filiación lingüística e querer illalo do tronco galego-portugués”, xa que o feito de “que non haxa ningunha referencia ao galego dentro da denominación réstalle identidade [á lingua] e déixaa como unha fala ou un dialecto sen lexitimidade”.

“Existe un medo a que, ao recoñecer abertamente que falamos galego, se cuestione a nosa condición asturiana”, explica Cimas, “este medo veu da man de certos medios de comunicación que crearon unha polémica para xerar un clima contra a normalización lingüística en Asturias”. Neste sentido, o presidente de Axuntar indica que, en moitos casos, as fronteiras lingüísticas non coinciden coas administrativas ou culturais, como o caso de Asturias. “Isto non debería xerar ningún problema identitario; o feito de sermos asturianos non debería entrar en conflito coa nosa condición de galego falantes”.

Porén Cimas engade que a variante dunha lingua que se configura nunha realidade separada do conxunto do idioma está condenada “á desaparición”. “Defender que o que se fala no Eo-Navia non ten que ver coa Galiza, co galego-portugués ou coa lusofonía, impide garantir o acceso” a uns medios de comunicación e audiovisuais nesta lingua. Por isto, “cómpre mirar que se fai no resto do noso dominio lingüístico e participar nel; non podemos pecharnos nas fronteiras políticas e identitarias” pois a Galiza e a lusofonía “ábrennos as portas para que a nosa lingua perviva”.

Perda de transmisión interxeneracional

O informe de Axuntar busca dar a coñecer a realidade sociolingüística e histórica do uso do galego asturiano no Eo-Navia a través do coñecemento existente recollido do traballo de diversos filólogos e filólogas. Así, resulta un informe didáctico accesíbel a toda a poboación. As persoas investigadoras que o elaboraron -Begoña Fero, Xabier Barcia e Natalia Jardón- conclúen nel, entre outras cuestións, que o principal problema do galego asturiano é a perda da transmisión lingüística interxeneracional nas últimas décadas.

“A falta de soporte legal”, esa transmisión sostiña a pervivencia da lingua, “e estase a perder”, advirte Barcia. Dos 37.000 falantes actuais do territorio, a gran maioría son persoas maiores, polo que o futuro da lingua depende da súa promoción no ensino e da súa oficialización, opina Barcia.

Comentarios